Máis de 6000 moz@s en Noites Abertas 2016
175 monitores, 43 colectivos participantes, 16 espazos diferentes. Son cifras que falan da complexidade e amplitude de Noites Abertas, o programa de lecer xuvenil que organiza a Concellería de Xuventude no que participaron, na edición do 2016, un total de 6.025 mozos e mozas que atoparon nas súas propostas un xeito alternativo, divertido e saudábel.
Noites Abertas ten na participación a base do seu éxito, subliña o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez. Participación á hora de facer propostas, de organizar as actividades, de interactuar coa organización e de gozar das propostas lúdico-deportivas. Trátase dun proxecto en constante evolución e actualización na que ten un peso capital a avaliación de resultados que se fai ao remate de cada edición.
A posta en marcha dunha Comisión de Igualdade co fin de evitar e corrixir formulacións e condutas sexistas na organización e desenvolvemento das actividades, a incorporación de voluntarios do programa de Voluntariado Europeo Erasmus+ e ampliación do número de actividades ao ar libre foron algúns das novidades da edición 2016 que remata coa redacción da memoria anual que se vai enviar ao Plan Nacional Sobre Drogas do Ministerio de Sanidad, cofinanciador do programa xunto co Concello de Pontevedra.
A memoria inclúe propostas de mellora cara a próxima edición na que xa se está a traballar e que ten o seu punto de arranque “oficial” coa convocatoria do Foro das Noites Abertas que reúne aos colectivos e persoas interesadas en participar na organización do programa e no que se recollen as propostas para a próxima tempada. A experiencia amosa que as actividades propostas van dende actividades físico-deportivas a culturais, pasando por convocatorias formativas, lúdicas e de desenvolvemento persoal. As actividades principiarán, como é habitual, a última fin de semana de xaneiro.
Entre as suxestións feitas co gallo da avaliación de Noites Abertas están as seguintes: avanzar no traballo de integración de persoas con discapacidade, elaborar un manual de boas prácticas en Igualdade ou incorporar algunhas melloras loxísticas.