Bará: “O BNG de Ana Pontón é o partido da esperanza do país e da súa mocidade”
O cabeza de lista por Pontevedra reuniuse cun grupo de xente moza de toda a provincia, ante o que debullou as propostas do Bloque en materia de emprego, vivenda e educación
Pontevedra, 10 de xuño de 2020. “O BNG de Ana Pontón é o partido da esperanza do país e da súa mocidade”. Así o manifestou o cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 12X Luís Bará, quen xunto á tamén candidata Alexandra Fernández, mantivo un encontro para compartillar análises e propostas coa mocidade da provincia co fin de incorporar a súa mirada. Bará destacou que Ana Pontón personaliza o cambio galego e os valores que precisa Galiza para avanzar e instou á mobilización da xente moza para que sexa protagonista e teña unha saída “digna” da actual crise.
“Queremos vivir nun país diferente, nun país mellor. Queremos vivir e construír un gran país e ese país teno que construír a xeración que agora ten entre 18 e 35 anos”, dixo Bará, argumentando que nesa liña aposta por traballar o BNG, subliñando que os mozos e mozas do país levan anos sufrindo as políticas devastadoras do Partido Popular, que fan que en Galiza as alternativas para a xente moza sexan ou ben o paro, ou ben un traballo precario ou ben a emigración.
O cabeza de lista destacou que para facer fronte a esta situación o BNG presenta un programa de goberno para a mocidade que ten como eixos fundamentais as políticas de emprego e de traballo digno e de calidade, mediante un plan plurianual de emprego xuvenil para a inserción en sectores estratéxicos da economía do país, para favorecer tamén o relevo xeneracional e o equilibrio territorial.
Tamén propuxo un Plan Retorna, un plan que debe ter unha elaboración participativa, a colaboración de todos os sectores, para a recuperación da mocidade emigrada con especial atención ao persoal investigador tecnólogos e tecnólogas, así como tamén á retención do talento do ámbito da innovación e da ciencia. “Queremos un país con máis investimento e maiores garantías de calidade e estabilidade na carreira investigadora”, subliñou.
Bará fixo fincapé en que é fundamental derrogar as reformas laborais aprobadas polo Partido Socialista e polo Partido Popular que crearon “este panorama desolador” de precariedade laboral e da temporalidade como única alternativa. Tamén plantexou propostas para o ámbito do ensino, cunha nova Lei Galega para un ensino público, democrático, de calidade e laico, e tamén a diversificación da formación profesional e a súa adaptación ao novo modelo económico e produtivo que precisa o país.
No ámbito da vivenda, dixo Bará, apóstase pola creación dun banco de vivendas sociais para aluguer e emancipación xuvenil. “Tamén nos parece fundamental cambiar a dinámica da participación, creando unha mocidade activa e participativa, comprometida, que decida por si propia, se empodere e actúe sen tutelas e parternalismos, fomentando a participación activa da mocidade na vida social, na vida cultural, na vida política”, destacou o nacionalista.
Dende o BNG, Bará subliñou que o proxecto de futuro e de esperanza para Galiza pasa polo talento e a innovación; por fortalecer o sector público e os servizos públicos de ensino, saúde, servizos sociais; pola intervención pública en sectores estratéxicos da economía do país; por unha banca pública e unha empresa pública de enerxía; o desenvolvemento de sectores produtivos para xerar riqueza e traballo aproveitando a capacidade e potencial no ámbito enerxético, na industria tradicional e en novos sectores puxantes como a domótica ou aeronáutica; polo desenvolvemento e transformación gañando valor no sector primario tanto na terra como no mar; e tamén por un sector servizos e de turismo innovador e creativo que marque a diferenza.
Mobilización para o cambio
Bará destacou que é precisa unha grande mobilización da xente moza para saír da situación de paralización actual. “Estamos nunha forte crise que ten un grandísimo impacto e que pode xerar dúas actitudes, de apatía, resignación, individualismo, ou como alternativa, de rebeldía, activismo e de compromiso”, dixo, para insistir en que o BNG quere unha mocidade activa, rebelde e comprometida, que sexa protagonista da historia, que non decidan por ela desde fóra, cambiar o rumbo da sociedade, do país. “Queremos unha xeración nova que conquiste o futuro como protagonistas, militando na esperanza, e o BNG ofrécese, liderado por Ana Pontón, como o partido da esperanza do país e da súa mocidade”, subliñou o candidato, para destacar que é fundamental utilizar o voto o vindeiro 12X para cambiar as cousas.
“Hai moito que facer. Hai que reaccionar e saber que se poden cambiar as cousas. As alternativas que ten diante de si o país e a súa mocidade é elixir entre vivir como queren os poderosos, os que queren decidir por nós vivir na distopía, ou procupar a utopía e soñar e procurar, construír e crear un país mellor e máis xusto, con máis xustiza social, con igualdade, traballo, benestar, e con futuro. O 12X temos nas nosas mans cambiar o rumbo deste país”, insistiu o cabeza de lista.
Alexandra Fernández insistiu en que o 12X é importante a mobilización porque “hai unha oportunidade para ‘poñer ao día’ o goberno galego”
Pola súa banda, a tamén candidata Alexandra Fernández sinalou que a súa xeración, que tivo que saír da crise do 2008, e a actual de xente moza teñen moitas similitudes. “O que hai que procurar é saír desta crise dunha maneira diferente a como saímos nós”, subliñou, para destacar que a situación do mercado laboral “é un drama” ao que a xente moza se asoma como a un abismo ou un muro. “Hai que incorporar a reivindicación de dereitos chave. Mobilizar a esperanza, porque é importante que mozos e mozas sexades actores da historia do noso país, que non vos resignedes porque hai alternativa: catro anos máis de Feijóo poden supoñer máis freo para o país e a mocidade”, subliñou, para destacar que hai alternativa o 12X, “unha oportunidade de ter unha presidenta muller, feminista, para poñer ao día o goberno galego e cambiar Galiza”.