Pontevedra pon en marcha “Composta”, un proxecto experimental de recollida de biorresiduos en colectores marróns de rúa
Pontevedra, 8 de xuño de 2020. O Concello de Pontevedra deu a coñecer unha das súas apostas máis ambiciosas e ilusionantes no presente mandato: “Composta”, un programa experimental de recollida de residuos orgánicos nunhas 2.000 vivendas e productores singulares da cidade. O concelleiro de residuos, Raimundo González Carballo explicou que o proceso de contratación deste novo programa está moi avanzado, e a ser posible poríase en marcha o 1 de xullo.
Raimundo González lembrou que ao respecto da compostaxe o Concello de Pontevedra puxo en marcha dúas liñas de actuación:
• A compostaxe individual pensada para as vivendas do rural ou para as urbanas que teñen unha pequena horta. O despregue da entrega de composteiros no rural está completado nas parroquias de Salcedo, Tomeza, Alba, Campañó e Lérez, e estase a retomar nestes días, logo da emerxencia sanitaria da Covid-19.
• A compostaxe comunitaria, coa instalación de centros de compostaxe en espazos verdes da cidade para os veciños e veciñas que poidan depositar os seus biorresiduos. Unha fórmula que se irá completando paulatinamente por distintos puntos da cidade.
A terceira vía do programa de compostaxe do Concello é o proxecto experimental “Composta”, voluntaria e totalmente gratuíto, que fará unha recollida de biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo unha ruta de recollida.
Composta é un proxecto voluntario e de balde pensado para particulares e produtores singulares, que poderá estar en marcha o vindeiro 1 de xullo.
Forman parte desta ruta as seguintes rúas: Partindo de Loureiro Crespo (á altura de Ernesto Caballero), José Malvar, avenida de Bos Aires até a rotonda da ponte das Correntes, praza do Peirao, Cruz Vermella, Santa Clara, Sarmiento, praza da Leña, Pasantería, Aduana, Ferraría, Soportais, praza da Verdura, Ánimas, Peregrina, Michelena, Alhondiga e Teatro Principal, praza de Santa María, San Martiño, Prudencio Landín, Alameda, Echegaray, Colón - Alameda, Riestra, Augusto González Besada, García Camba, Andrés Mellado, Pardo de Cela, Virxe do Camiño, Sagasta, Frei Xoán de Navarrete, Joaquín Costa, Estrada (até o colexio Sagrado Corazón).
Dende Sagasta tamén cara Benito Corbal e Cobián Areal.
Dende avenida de Bos Aires, tamén cara Padre Gaite, Perfecto Feijoo, San Antoniño, Casimiro Gómez e A Seca.
Participación voluntaria e de balde
A participación no proxecto é voluntaria e de balde, e poderán formar parte dela:
• Bares, restaurantes, produtores singulares (residencias, froiterías, supermercados que non teñan recollida de orgánicos...)
• Particulares que se anoten ao proxecto.
O proxecto comezará cunha campaña de sensibilización porta a porta tanto a particulares como a establecementos, informando da campaña e de como se debe proceder para participar nela.
Os medios dos que disporá “Composta” é dun camión específico de recollida, entre 4 e 5 traballadores en exclusiva para este servizo experimental; entre 60 e 65 colectores de cor marrón instalados nas Illas de reciclaxe da ruta, cubos domésticos de distinta capacidade en función do tipo de participante (7 litros, 40 ou 90 litros) que se entregarán de balde a todas as persoas e establecementos que queiran participar, ao igual que bolsas compostables para os produtores e particulares que se sumen ao proxecto; e unha chave electrónica.
O procedemento será moi sinxelo: o productor recollerá os seus biorresiduos e os depositará no colector marrón máis próximo á súa vivenda ou establecemento, empregando a chave electrónica que lle permitirá abrir o colector e pechalo. Polo tanto, todas as persoas que non estean dadas de alta no proxecto, non poderán facer uso dese colector.
A chave electrónica permitirá evitar que se depositen residuos impropios co obxectivo de que o compost sexa dunha alta calidade. De feito, o custe deste servizo que se materializará a través dunha ampliación do contrato da actual concesionaria, Ferrovial Servizos, será de 421.000 euros na primeira anualidade e de 348.000 euros na segunda anualidade; permitirá retribuír a empresa en función da calidade do compost cun pago de 45 euros/tonelada. O Concello inspeccionará a calidade dese compost unha vez ao mes cunha análise específica.
A recollida será todos os días da semana e os biorresiduos enviaranse a unha planta de compostaxe non máis lonxe de 100km á contorna escollida pola empresa Ferrovial.
Obxectivos europeos
Raimundo González explicou que o Concello quere achegarse ao cumprimento da normativa vixente da Directiva europea de residuos que recolle que a 31 de decembro de 2020 téñense que tratar o 50% dos biorresiduos. Esta normativa foi trasposta tanto pola normativa estatal como pola autonómica.
O Concello completa con esta iniciativa os tres piares nos que se sustentaría a compostaxe municipal buscando cumprir os obxectivos que fixa a normativa europea de tratar o 50% dos biorresiduos a 31 de decembro.
“Non sei se a final de ano daremos conseguido este obxectivo, pero estaremos moi próximos”, indicou Raimundo González. Segundo as previsións municipais, o Concello produce arredor de 7.000 toneladas de biorresiduos, na actualidade estanse tratando arredor de 4.000 en composteiros comunitarios e individuais, e o programa “Composta” arrancará co tratamento dunhas 2.000 toneladas.
“Este programa é unha aposta clara pola reducción do CO2 , pola mellora do planeta, e pola implantación da economía circular: extraer menos recursos da natureza e reducir consumos”, asegurou o concelleiro quen se mostrou convencido de que “unha vez implantadas as tres patas a compostaxe, terá que ir como un tiro”.