Bará asegura que o 18F “hai partido” e chama “a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza”
Pontevedra, 16 de xaneiro de 2024. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra Luís Bará asegurou hoxe que o vindeiro 18F “hai partido” e chamou á formación nacionalista “a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza co Bloque á fronte da Xunta de Galiza”.
O nacionalista así o asegurou na tarde de hoxe nun encontro de traballo para programar a campaña electoral con representantes comarcais do Bloque na comarca (A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Soutomaior e Valga, ademais de integrantes de Galiza Nova). Destacou que será unha campaña ilusionante, mobilizadora, con máis actos e reunións ca nunca percorrendo a provincia e subliñou que contará coa implicación de toda a organización “casa por casa e porta a porta” para conseguir “un resultado histórico”.
Bará destacou que desbancar ao PP da Xunta é posible porque hai unha maioría social que quere cambio, máis do 60% da poboación. Apuntou en que hai “unha grande oportunidade” porque “o BNG está co vento a favor porque medra, integra e chega a acordos, e o PP que vai a menos cun candidato gris e mediocre que non ilusiona, e porque a xente ve que hai desgoberno na sanidade, ensino, transporte, infraestruturas...”, asegurou.
Para o cabeza de lista as do 18F non son unhas eleccións calquera, senón “unha cita coa historia”, polo que é fundamental pelexar cada voto das persoas que quere cambio, “buscalos debaixo das pedras e concentralos no BNG”, xa que o vindeiro goberno da Xunta ao seu entender vaise decidir por moi poucos votos. Lembrou, de feito, que nas eleccións galegas do 2020 o PP conseguiu o último deputado en tres provincias, na de Pontevedra por concreto, só por 96 votos.
“Pensade o importante que é o que fagamos cada un de nós. Hai un gran ambiente, non hai que ser conformistas, hai saír a por todas. Dende aquí ata alá hai pelexar cada voto porque estamos en condicións de gañar cada voto ao PP”, subliñou, para engadir que a decisión da poboación estará entre votar a unha Ana Pontón ilusionante que promete mellorar Galiza ou un Alfonso Rueda cun proxecto rutineiro e esgotado que deixa un legado desastroso para o país.