DOMINGO 19 ÁS 12 NA PRAZA DA PEREGRINA
Bará anima a participar na mobilización convocada pola CIG contra a estafa eléctrica
Pontevedra, 16 de setembro de 2021.Cunha mesa instalada na rúa Benito Corbal, o BNG continuou hoxe a campaña de recollida de sinaturas contra a estafa que supón a suba abusiva da tarifa eléctrica, que nestes momentos a máis alta da historia. O deputado nacionalista Luís Bará animou á cidadanía a participar na mobilización convocada pola CIG para este domingo 19 de setembro ás 12 h. na praza da Peregrina.
O deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, salientou que se está a dar unha situación escandalosa de beneficios multimillonarios das eléctricas das “portas xiratorias”. Neste sentido Bará lembrou que mentres en 2020 Naturgy obtivo uns beneficios de 450 millóns de euros, ENDESA 1394 millóns e Iberdrola 3610, o custe da factura da luz é cada vez máis alto para as familias e para as empresas, nomeadamente para as pequenas e medianas.
Galiza -dixo Bará- sofre o espolio dos seus recursos enerxéticos, como aconteceu recentemente co baleirado de encoros, e ao mesmo tempo a aldraxe que supón que nun país excedentario en enerxía eléctrica como o noso paguemos unha factura extremadamente cara. Por este motivo o BNG considera necesario dar unha resposta contundente de denuncia desta situación, pero tamén de presentar alternativas e propostas.
Neste sentido Bará salientou catro medidas:
- Baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4% (superreducido), igual que outros servizos de primeira necesidade como o transporte e auga, e eliminación do imposto especial da electricidade.
- Garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos.
- Unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para as galegas e galegos, en beneficio de consumidor@s particulares e das nosas empresas, de maneira que se compense o rol da Galiza como excedentaria na produción de enerxía eléctrica e o forte impacto social e ambiental derivado do seu papel produtor.
- Creación dunha empresa pública galega de enerxía, para que o sector publico galego, tamén os Concellos, poidan ter unha participación directa no sector enerxético nun contexto no que estamos de desenvolvemento das enerxías renovábeis, e facer que o actual boom eólico teña criterios sociais, ambientais e repercuta positivamente no territorio. O deputado nacionalista recalcou que isto é posíbel no marco europeu, porque existen varias empresas públicas que están actuando en Galiza que son de capital chinés (Electricidade de Portugal), italiano (ENDESA) ou noruegués (Statkraft).
En definitiva, concluíu Bará, o que se propón o BNG é “romper con esta situación na que os prezos da electricidade e toda a regulación do sector eléctrico está feita ao ditado das grandes empresas do oligopolio enerxético que son as que obteñen beneficios multimillonarios, e que son as mesmas das portas xiratorias, e para que se regule o sector enerxético de tal xeito que se beneficie á maioría social e que nos beneficie tamén ás galegas e galegos, ao ser o noso un país excedentario na produción de enerxía”