O BNG empraza á Xunta a realizar un estudo sobre posíbeis ubicacións para un complexo industrial de produtos derivados da madeira
16 de setembro de 2021. “O portavoz municipal do PP en Pontevedra fixo o pasado martes unhas declaracións esclarecedoras”, afirmou o deputado do BNG no Parlamento Galego Luís Bará. En primeiro lugar ao admitir que “a prórroga concedida a ENCE en 2016 polo goberno de Mariano Rajoy foi feita de maneira irregular”, e en segundo lugar admitíu que esta é a verdadeira causa do peche da fábrica.
“A Xunta, polo tanto, non pode seguir defendendo de maneira numantina unha ilegalidade, non pode seguir actuando ao ditado dos intereses de ENCE”, afirmou o deputado nacionalista que instou ao goberno galego a “asumir esta realidade, actuar e poñer propostas sobre a mesa”, e unha das máis importantes é a procura dun emprazamento para un novo complexo industrial arredor da transformación da madeira en celulosa, en papel e en outros produtos derivados demandados polo mercado e de alto valor engadido.
Luís Bará insta ao Goberno galego a deixar de defender de maneira numantina unha ilegalidade e a actuar ao ditado dos intereses de ENCE
A estas alturas está claro que ENCE non está interesada en falar dun novo emprazamento porque vai en contra dos seus intereses na vía xudicial, xa que anunciou un recurso no Tribunal Supremo e ten que seguir defendendo como opción única o emprazamento en Lourizán. Por iso debe ser a Xunta quen asuma a responsabilidade de procurar os terreos para un novo emprazamento, con máis razón cando “o propio Presidente do Goberno galego afirmou recentemente que Galiza ten capacidade para dúas fábricas pasteiras”. Cando di isto terá algunha idea sobre os lugares onde se pode instalar.
Tendo en conta esta situación, e para adiantarse a un escenario post-ENCE en Lourizán, o BNG rexistrou hoxe unha batería de iniciativas no Parlamento Galego nas que solicitamos un acordo para que a Xunta encargue un estudo ao sistema galego de coñecemento (Universidades e Centros tecnolóxicos) sobre os posíbeis emprazamentos para un complexo industrial de transformación de produtos derivados da madeira, que inclúa unha planta de fabricación de celulosa, unha fábrica de fabricación de papel e planta de transformación da madeira en bioprodutos de alto valor engadido.
O BNG entende que neste estudo se deben “avaliar diferentes opcións e alternativas, a súa viabilidade e o seu custo, así como a posibilidade que este complexo industrial se ubique nun único polo tecnolóxico industrial ou en diferentes emprazamentos”.
Nesta batería de iniciativas o BNG formula diferentes preguntas para que o Goberno nos diga se comparte as declaracións do Portavoz municipal do PP en Pontevedra a respeito da prórroga de ENCE e da sentenza da Audiencia Nacional; se comparte que os intereses xudiciais de ENCE son incompatíbeis coa defensa dun novo emprazamento; sobre os estudos que realizou a Xunta para avalar as declaracións do señor Feixoo a respeito da capacidade do país para dúas pasteiras; e sobre se a Xunta vai facer o estudo de posíbeis emprazamentos para un complexo industrial de transformación de produtos derivados da madeira