ELEXIDO POR UNANIMIDADE PARA ENCABEZAR A CANDIDATURA DO BNG Á ALCALDÍA
Arturo Fontán ofrece traballo, diálogo e un proxecto solvente para sacar a Portas do seu declive actual
Portas, 10 de marzo de 2023. A Asemblea do BNG de Portas ven de elixir por unanimidade ao actual portavoz municipal, Arturo Fontán, como candidato á alcaldía, co firme obxectivo de desbancar ao PP e construír un concello máis xusto, máis democrático e máis participativo, que rache coa nefasta xestión e o escurantismo que caracterizan ao goberno do PP.
Arturo Fontán afirmou que “Portas non pode seguir por máis tempo cun goberno municipal inepto, que non sabe xestionar e que perde subvencións importantes porque non as tramita, un goberno municipal que fai ouvidos xordos ás demandas veciñais e que malgasta os cartos públicos en actuacións sen sentido, facendo obras sen licenza en terreos privados con cartos públicos”
“Portas merece moito máis, merece un alcalde que dialogue, un alcalde que traballe día si e día tamén polo benestar dos seus veciños e veciñas, un alcalde que teña un proxecto claro de por onde ten que ir o concello e que se comprometa a traballar para efectivizalo. Un alcalde que aposte pola cultura, polo deporte, polo patrimonio, que promova o desenvolvemento económico e o emprego, que facilite a participación cidadá na vida municipal e que traballe por mellorar o medio ambiente”, afirmou Arturo Fontán.
Arturo Fontán: “Portas non pode seguir por máis tempo nas mans dun goberno inepto e caciquil, que nin sabe xestionar nin ten proxecto”
Dende o BNG imos traballar arreo para que Portas poida ter un goberno eficaz, un goberno que mire polas veciñas e veciños, e un goberno que constrúa o Portas do futuro, un “Portas máis sustentábel, e que dinamice a vida social, cultural e económica do concello".
“Afrontamos este reto con ilusión, con gañas, e co convencemento de que Portas ten que saír do pozo escuro no que está instalado, se quere ter futuro. Non pode ser que desde o ano 2000 perdéramos máis de 400 veciños e veciñas, nunha sangría incesante que non para”, afirmou o candidato nacionalista.
Fontán anunciou que o BNG vai presentar ás eleccións de maio unha “candidatura solvente, ilusionante e con capacidade para facer despegar Portas”.