Os alcaldes mexicanos interesados en coñecer o modelo Pontevedra
Comezou o Foro Iberoamericano de Cidades en Veracruz, México, onde participa unha delegación pontevedresa formada polos concelleiros Miguel Filgueira e Demetrio Gómez, convidados pola organización para expor o modelo que se está a desenvolver no Concello de Pontevedra. Neste evento, o groso do público está formado por 350 alcaldes mexicanos e representantes das administracións locais, estatais e nacional.
Logo da inauguración oficial e dos relatorios que se desenvolveron pola mañá, tras o xantar, comezaron as sesións de traballo nas que Pontevedra foi a única delegación que protagonizou unha en exclusiva.
A exposición, unha das máis seguidas, foi acollida con aplausos e, a seguir dela, produciuse unha quenda de preguntas e intervencións que obrigou a alongar o tempo inicialmente previsto. En xeral, o público asistente felicitou á cidade polo que se consideraba un éxito, e tiñan interese por coñecer os máis variados aspectos a raíz da exposición inicial: orzamento investido, procesos participativos, aspectos relacionados co deseño dos espazos públicos, incremento demográfico, retornos económicos do modelo, etc.
Ao remate da sesión, numerosas persoas achegáronse aos concelleiros pontevedreses para seguir interesándose polo modelo de Pontevedra e o seu proceso, e máis tamén para explorar a posibilidade de visitaren outras cidades mexicanas e estudar vías de colaboración con Pontevedra.