O BNG presenta a súa candidatura en Caldas para gañar as eleccións
Caldas de Reis, 6 de marzo de 2015.- O BNG de Caldas presentou o sábado 6 de marzo ás 21 horas na súa sede local (r/ Fermín Mosquera 14) ao equipo co que se presentará ás eleccións municipais, un equipo que sae a gañar.
Nesta ocasión, o BNG preséntase en Caldas con unha lista totalmente renovada na que só repiten 4 membros da anterior candidatura e con gran presenza de independentes, unha lista participativa emanada das Asembleas Abertas que ven convocando o BNG na vila termal dende hai meses, unha lista na que se integran persoas de diversos colectivos e con presenza destacada dos movementos socias.
Así mesmo o candidato á alcaldía, Iñaki Fernández, é unha persoa moi coñecida en Caldas de Reis, que se presenta con ilusión renovada, con experiencia e coas ideas claras, rodeado dun equipo con ampla experiencia de xestión e preparado para gobernar, composto por:
- José Ignacio Fernández Zárraga
- Manuel Fariña Souto
- María Jesús Rosillo Campaña
- José Manuel Fariña Jamardo
- Manuela Bello Martínez
- Agustín Jamardo Castro
- Paula Rodríguez Fraga
- Enrique Rubianes Barreiro
- Alicia Aboy Portela
- Xosé Manuel Castromán Sanmiguel
- María Luísa Barral Núñez
- Manuel Cesáreo Rey Silva
- María José Güimil Trigo
Iñaki Fernández mostrouse ilusionado e comentou que está orgulloso do equipo co que se presentará ás vindeiras eleccións municipais, un equipo preparado para gobernar, con ilusión e con moitas ganas de devolver a este concello ao lugar que se merece.
Rachar coa situación de parálise e de falta de expectativas faise imprescindíbel. E para iso se presenta o BNG, cuns obxectivos claros:
1) Devolverlle o Concello ao Pobo, que a xente de Caldas de Reis sexa a PROTAGONISTA. O BNG promoverá a participación da veciñanza na vida municipal, xa que esta participación é fundamental para a transformación do concello. Os veciños e veciñas teñen que ser os verdadeiros protagonistas. Escoitar, Dialogar e Consensuar serán elementos centrais da nosa acción de goberno.
2) Facer unha xestión eficaz dos recursos públicos, rematando co despilfarro e a improvisación do PSOE. Somos conscientes que o diñeiro é dos veciños e veciñas de Caldas e ten que reverter na mellora da súa calidade de vida.
3) Dinamizar a vida social e a economía, facilitando a creación de emprego, liderando a comarca e promovendo a Caldas como cabeceira de comarca. Para lograr estes obxectivos o BNG presenta unha candidatura solvente, con capacidade, e ilusionada, froito do proceso de Asembleas Abertas que nos serviu para que moitas persoas preocupadas pola situación do Concello se incorporasen ao noso proxecto.