O alcalde de Pontevedra gaba o "traballo excepcional" de Down Pontevedra Xuntos e reafirma o apoio municipal á entidade

O alcalde de Pontevedra gaba o "traballo excepcional" de Down Pontevedra Xuntos e reafirma o apoio municipal á entidade

Pontevedra, 3 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este martes, 3 de marzo, as instalacións da asociación Down Pontevedra Xuntos, cumprindo así cun compromiso que adquirira durante a pasada edición do Pontesán. Durante o percorrido, o rexedor puxo en valor as "impresionantes" instalacións e o "esforzo importantísimo" que realiza a entidade no eido da integración laboral, a formación e o ocio. 

Lores cualificou de "excepcional" o traballo da asociación, que presta servizo a 120 persoas, e agradeceu o labor da xunta directiva e das familias. O alcalde recoñeceu que as administracións teñen dificultades para atender todas as necesidades das persoas con discapacidade de xeito directo, polo que destacou que o labor de Xuntos contribúe a facer de Pontevedra unha cidade "máis xusta e cohesionada". Así mesmo, animou á entidade a seguir nesta liña e garantiu que poderán seguir contando coa colaboración municipal. 

Pola súa banda, o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo, agradeceu a visita do alcalde e da concelleira Anabel, sinalando a importancia de darlle visibilidade ao traballo que levan desenvolvendo desde a creación da asociación no ano 1991. Pérez Cabo explicou que o obxectivo fundamental da entidade é lograr que os usuarios estean integrados na vida ordinaria en todas as súas etapas vitais. 

Down Pontevedra Xuntos
Down Pontevedra Xuntos

Actualmente, a asociación atende a máis de 120 usuarios, maioritariamente persoas con síndrome de Down, aínda que na etapa adulta tamén integran a persoas con outras discapacidades intelectuais. O crecemento da entidade fai que as instalacións se queden pequenas, existindo a día de hoxe unha lista de agarda de 60 persoas ás que non poden admitir por falta de capacidade. 

O presidente de Xuntos detallou os distintos eixes de actuación da asociación. No ámbito educativo, os profesionais da entidade manteñen un contacto permanente cos orientadores dos colexios onde están os rapaces. No eido laboral, o programa de emprego conta na actualidade con 27 persoas, todas elas con algunha experiencia de traballo grazas á colaboración das empresas da contorna para realizar prácticas ou formalizar contratacións. 

Como principal novidade, Pérez Cabo destacou o traballo que están a realizar de cara ao envellecemento dos usuarios, a través dun programa que cualificou de "pioneiro en Galicia". A partir dos 34 ou 35 anos, os usuarios sométense a tests anuais para avaliar a súa evolución. Ademais, foméntase o contacto constante con residencias e centros de día mediante visitas mutuas; o obxectivo é que, no caso de que as familias non poidan facerse cargo dos seus coidados no futuro, o paso cara a un destes centros habitacionais "xa non sexa traumático”. 

Para levar a cabo todos estes programas, Down Pontevedra Xuntos conta actualmente cun equipo integrado por 17 profesionais, un traballo que está dirixido pola coordinadora da entidade, Paula, peza clave no éxito da asociación. 

O alcalde de Pontevedra gaba o "traballo excepcional" de Down Pontevedra Xuntos e reafirma o apoio municipal á entidade