DO 6 AO 8 DE MARZO. COMPLEXO DEPORTIVO RÍAS DO SUR

Pontevedra acolle o campionato estatal de inverno de natación artística

Pontevedra acolle o campionato estatal de inverno de natación artística

Pontevedra, 3 de marzo de 2026. Do 6 ao 8 de marzo, as instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur volverán ser o escenario principal da natación artística do Estado en categorías escolares, coa celebración do Campionato de España de Inverno de categorías alevín e infantil, que traerá a Pontevedra a máis de 700 deportistas.

Diana Fernández, directora técnica do Galaico Pontevedra, afirma que a tensión competitiva será máxima, ao xogarse “ir a primeira división ou non”, e que o  torneo servirá, ademais, de base para configurar a vindeira selección española infantil, o que garante un nivel de excelencia técnica moi elevado durante os tres días de probas.

Competirán 335 nadadores en categoría alevín e 370 en infantil, procedentes de 11 federacións, destacando a presenza de 21 nenos, unha cifra en ascenso nun deporte tradicionalmente feminino, tal e como sinalou Xoán Carlos Brión, presidente da Federación Galega de Natación. Esta aposta pola integración é especialmente visíbel nos catro clubs galegos participantes, que presentarán formacións con dúos mixtos e nenos integrados en rutinas de combo.

A presidenta do Galaico Pontevedra, Alejandra Parada, recoñeceu o enorme esforzo que supón asumir este reto organizativo por segundo ano consecutivo, e que o éxito da edición anterior foi o motor para repetir.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, afirmou que este campionato é un "chanzo importante" que consolida a estratexia da cidade para impulsar eventos que xeren dinamismo económico fóra da tempada alta, ao tempo que recoñeceu a implicación do Galaico como fundamental, xa que "sen a súa colaboración sería imposible pensar nunha Copa do Mundo como a que imos ter en maio”.

O campionato pódese seguir de balde e en directo no complexo de Pontemuíños, ou vía streaming, cun acceso que se difundirá polas redes sociais da Federación Galega de Natación.

Pontevedra acolle o campionato estatal de inverno de natación artística