ESTE ANO A DEPUTACIÓN INVESTÍU 607.000 EUROS EN SOUTOMAIOR
O alcalde oculta que a Deputación investiu máis de 600.000 euros en Soutomaior
O alcalde do PP ocultou que a Deputación fixo unha serie de en Soutomaior, incumprindo deste xeito a lei e poñendo en risco importantes investimentos para o concello
O Goberno Municipal de Soutomaior ocultou que varias das obras que se levaron adiante no municipio nos últimos tempos se realizaron co financiamento do Plan Concellos da Deputación. Esta ocultación afecta a obras como a restauración da Fonte da Xesteira que foi financiada na súa totalidade polo plan Concellos da Deputación de Pontevedra por un valor de 49.000 euros ou o arranxo dos vestiarios do Campo de Fútbol de Candán financiada tamén integramente pola Deputación de Pontevedra por un valor de 60.000 euros. Outras obras financiadas polo plan concellos e que o PP de Soutomaior ocultou foron o acondicionamento da Casa da Cultura de Soutomaior e do obradoiro Luís Seoane de Alxán, por valor de 21.000 € , ou as melloras en varias estradas do municipio.
Nas bases do Plan Concellos da Deputación, establécese no seu artigo 15 que os concellos beneficiarios das axudas da deputación están obrigados a “Darlle a adecuada publicidade ó financiamento por parte da Deputación para as actuacións subvencionadas” así como “Facer constar en todas as accións de comunicación ou publicidade o apoio que dá a Deputación”. A pesar de que estes requisitos son obrigatorios e a súa omisión podería implicar a perda das axudas, o PP de Soutomaior decidiu incumprir este punto, antepoñendo unha vez máis os seus intereses políticos e electorais ás necesidades dos veciños e poñendo en risco estas partidas.
Contrasta esta actitude do goberno local cando se trata de dar a coñecer obras financiadas pola Deputación de Pontevedra coa amosada cando se trata de dar a coñecer obras financiadas pola Xunta. Nestas últimas, o concello si que exerce coas obrigas de información que marca a lei.
En total, o investimento da Deputación de Pontevedra en Soutomaior neste ano ascendeu a 607.000 euros, máis a pesar disto, nin nas comunicacións á prensa, nin na páxina web, nin nas redes sociais do Concello de Soutomaior apareceu por ningures que estas obras se fixeron co financiamento do plan do Concellos da Deputación de Pontevedra.
Neste sentido, o voceiro do BNG Manu Lourenzo instaba a Agustín Reguera a “que actúe con responsabilidade e a que rectifique de inmediato. O importante é que haxa investimentos en Soutomaior e non os intereses políticos do PP. Non é tolerable que un alcalde oculte información ata o punto de incumprir a lei e poñer en risco importantes investimentos para o noso concello. O primeiro debe ser a veciñanza, non os seus intereses".
A este respecto o voceiro do BNG sinalaba que “con estas actitudes estanse cualificando a si mesmos e demostrando ata que niveis de manipulación e caciquismo son capaces de chegar. Mais tempo haberá para falar diso, agora o importante é que rectifiquen, e que cumpran coa lei para que os veciños non teñan que padecer as consecuencias destas irresponsabilidades”.