O BNG demanda o dragado da ría entre o clube naval e Os Praceres
O BNG denuncia o retraso de 6 anos no dragado da ría e esixe no Parlamento que se consigne o suficiente orzamento para que a obra se licite e executeen 2017
A Xunta de Galiza, através de Portos de Galicia, iniciou en 2011 a tramitación dun proxecto para o dragado e rexeneración da bancos marisqueiros no fondo da ría de Pontevedra, nun treito de aproximadamente 4 km entre o Clube Naval e Os Praceres, no que está previsto retirar aproximadamente 300.000 toneladas de lamas e outros sedimentos.
Despois de 6 anos de tramitación, o proxecto aínda non se fixo realidade. Esta situación está a provocar graves consecuencias para ao sector do mar, xa que impide a rexeneración e recuperación de bancos marisqueiros do fondo da ría, prexudicando especialmente o sector do marisqueo a flote que viu moi mermada nos últimos anos a súa actividade e ingresos.
A colmatación da desembocadura e a canle do río Lérez tamén prexudica a navegación deportiva e a actividade do Náutico, debido ao escaso calado da canle de navegación do río e do porto deportivo.
Malia a urxencia desta actuación, demandada en numerosas ocasións polas confrarías do fondo da ría e polo Clube Naval, Portos de Galicia excúsase na complexidade da tramitación administrativa para xustificar un retraso de máis de 6 anos na elaboración, aprobación e execución do proxecto. Un record sen dúbida difícil de superar.
Desde o BNG compartimos a preocupación do sector marisqueiro e da navegación deportiva ante o retraso que vai acumulando o proxecto, o que obriga a modificalo para adaptalo aos cambios normativos e aos cambios na situación dos fondos mariños, que seguen acumulando sedimentos. Polo tanto, dende o BNG esixiremos que, como medida compensatoria polo retraso, o proxecto se execute nunha única fase, se consigne a conseguinte partida orzamentaria e se licite no 2017.