O alcalde dá o pistoletazo de saída ás reunións co tecido asociativo e cultural da cidade co cinema como protagonista de cara a celebración dos Premios Feroz
O Concello de Pontevedra iniciou os encontros co tecido empresarial, cultural e asociativo da cidade a consecuencia da súa escolla como sede das dúas vindeiras edicións dos Premios Feroz (2025-2026), galardóns cos que cada ano a Asociación de Informadores Cinematográficos de España destaca o mellor da produción audiovisual estatal, tanto en cinema como en televisión.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por Anabel Gulías e Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiros de Promoción Económica e de Cultura respectivamente, principiaron esta rolda de contactos con sectores estratéxicos de cara a organizar un intenso programa de actividades que a partir do mes de outubro conectará a industria audiovisual coa cidadanía de Pontevedra e que culminará coa cerimonia de entrega dos Feroz 2025 que se celebrará o 25 de xaneiro no Recinto Feiral.
O cinema local foi o sector escollido para abrir estas reunións. Así, representantes do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas, da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ Ambienta e do Cineclube Pontevedra participaron neste primeiro encontro e mostraron un grande interese en sumarse a esta iniciativa que, sen dúbida, se converterá no mellor escaparate para visibilizar o peso do sector en Galicia e que coloca a Pontevedra como unha cidade creativa, aberta e de vangarda, capaz de acoller un evento destas características.
Durante as próximas semanas continuarán desenvolvéndose máis reunións informativas cos sectores cultural, empresarial, educativo, asociativo, audiovisual etc. para afondar no coñecemento da industria audiovisual e da creación e xerar sinerxías empresariais e económicas ligadas ao sector no marco da celebración dos premios.