Pontevedra pon en marcha os preparativos da V Feira da Saúde e Benestar-Pontesán, que se celebrará o 27 e 28 de setembro, baixo o lema "Educando en Saúde"
Pontevedra pon en marcha os preparativos da que será a V Feira da Saúde e Benestar-Pontesán, que se celebrará os días 27 e 28 de setembro. O lema elixido para este ano é: Educando en Saúde.
Pontesán é unha iniciativa da Concellería de Benestar Social de Pontevedra, que aposta pola saúde pública, a igualdade, a diversidade e a inclusión.
Nesta fase preparatoria, a organización convocou a asociacións socio-sanitarias, clubs stands propias; propoñendo actividades informativas, formativas, de visibilización, etc. e/ou participando nas palestras, talleres e actividades de dinamización que se desenvolverán durante as dúas xornadas da feira.
Este primeiro contacto traduciuse en dúas sesións informativas, celebradas na Casa Azul, ás que asistiu a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías para agradecer a implicación das asociacións, entidades e clubs deportivos coa promoción da saúde e o benestar colectivo e remarcar o compromiso do departamento que xestiona coa saúde pública.
A OMS define a saúde como «un estado de completo benestar físico, mental e social» e é neste último ámbito, o social, no que incide Pontesán. Neste marco, subliñou Anabel Gulías, Pontesán «é un gran escaparate para visibilizar ás asociacións socio-sanitarias e o seu traballo pero tamén para conectar aos membros dun tecido asociativo esencial». Un armazón de participación, solidariedade e reivindicación que vela polo benestar de todas e todos e que ten no coidado e promoción da saúde, na diversidade e na inclusión as súas principais bandeiras.
A organización de Pontesán pon ao dispor dos participantes 50 stands: 30 para asociacións socio- sanitarias —2 deles rotatorios para abrir espazos temporais a colectivos con menos recursos—, 10 para clubs deportivos e 10 para administracións e empresas, ademais de darlles apoio para o desenvolvemento das actividades de dinamización que queiran desenvolver, que teñen que ser inclusivas.
Durante os días que dura Pontesán sucederanse palestras, obradoiros e propostas lúdicas. Haberá tamén unha mesa de debate que leva por título “Dereitos e deberes”, na que as persoas relatoras abordarán, entre outras, cuestións como a realidade dos pacientes ou o acceso aos recursos públicos sociais e sanitarios. E unha gran festa despedirá a Feira de Saúde e Benestar ata o ano seguinte.
Nos próximos días, asociacións, clubs deportivos, colexios profesionais e distintas entidades recibirán un formulario para que fagan as súas propostas, suxestións e posibles reservas para participar en Pontesán. Ademais pódese contactar coa organización e recibir información puntual a través do correo [email protected]