Concello de Pontevedra e IGVUS acordan iniciar os estudos para o posíbel desenvolvemento de máis de 150 vivendas de promoción pública na cidade
O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, após a reunión mantida entre o Concello de Pontevedra e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, en relación coa futura construción e proxección de novas vivendas de promoción pública na cidade do Lérez afirmou que «foi unha reunión moi positiva, xa que existe un clima colaborativo entre as dúas administracións. Desde o minuto un quedou demostrado que tiñamos unha disposición boa en chegar a acordos tanto para dar resposta a diversos asuntos que levaban anos atascados como para poñer en marcha novos acordos que contribúan a que Pontevedra avance».
Na xuntanza foron abordadas tres cuestións polo miúdo:
- As parcelas ofertadas polo Concello de Pontevedra ao IGVS
- O método de entrega destas parcelas
- As licenzas pendentes para adxudicar
No referido ao primeiro punto, o IGVS vén de facer unha valoración sobre as parcelas, obtendo como conclusión unha especie de priorización de cara a ter en conta o desenvolvemento de vivenda pública nos vindeiros tempos.
Así, as parcelas que mellor valoraron desde o IGVS foron as de Valdecorvos, na rúa Prado Novo, e en Tafisa, na rúa Ernestina Otero. «Son as que teñen maior potencialidade á hora de albergar un maior número de vivendas», explicou. «Ademais terían licenza directa no caso de que fose presentado un proxecto, non habería que agardar a nada».
Doutra banda, en relación coas parcelas que serán estudadas nunha segunda quenda e que tamén contan con licenza directa, serían a das rúas das Devesas, Amado Carballo e Poza dos Canos. «Contan con menos solo, o que se traduciría en menos vivenda, claro. Prefiren comezar por onde máis se ofrece».
En terceiro lugar, estaría a parcela da ‘Finca do Teucro’, que precisaría dunha avaliación económica de compensación e un estudo de detalle e desenvolvemento da urbanización. «É unha parcela moi interesante, por situación e por todo o que ofrece», explicou o concelleiro.
O vindeiro paso, tal e como indicou Oubiña, é avaliar polo miúdo todas as opcións co obxectivo de acelerar os proxectos. «O Concello estará para seguir colaborando activamente na construción de vivenda pública e desenvolver estes proxectos», comentou.
Por último, o concelleiro confirmou que no referido ás licenzas pendentes, o Concello xa deu o visto bo ao expediente e documentación recibida sobre a futura edificación de máis de 70 vivendas en Valdecorvos. «Na vindeira semana quedaron en entregarnos a última documentación, unha cuestión menor, e xa pode que na próxima Xunta de Goberno Local poidamos aprobar a licenza para estas novas vivendas».