Abraldes urxe á Xunta a que avance nos procesos de concentración parcelaria de Barro

2019-02-06 17.36.46-Barro-14921
Abraldes urxe á Xunta a que avance nos procesos de concentración parcelaria de Barro

Barro, 15 de abril de 2021. O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, reuníuse con Inés Santé, Directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para interesarse pola actual situación dos tres procesos de concentración parcelaria que afectan a Barro. 

O proceso de concentración de parcelas máis antigo é o denominado Agudelo-Barro-Valiñas que se iniciou no ano 2004 e da que aínda están sen entregar os títulos de propiedade das novas parcelas aos seus propietarios, a apesar de que no ano 2015 a xefatura territorial da Consellería de Medio Rural se comprometera a tela rematada nun prazo máximo de dous anos. Neste momento, tanto a Directora Xeral de Agader como o Subdirector Xeral de Infraestruras Agrarias, Francisco José Tomico, sinalan que no ano 2022 este proceso de concentración xa estará rematado coa entrega dos títulos de propiedade.

O Alcalde tamén preguntou polo parón que se está a dar na adxudicación de novas parcelas da concentración Perdecanai-Barro 2, proceso que xa tiña que estar rematado fai tempo, según os prazos que deran os representantes da consellaría. Os responsábeis da Xunta transladaron que o motivo do parón do proceso foi a renuncia ao contrato da empresa adxudicataria deses traballos, polo que nestes momentos están en fase de contratación para adxudircarlle este proceso de concentración a unha nova empresa para que retome os traballos no punto no que a anterior os deixou.

A demora nos procesos de concentración parcelaria ocasionan trastornos ás persoas propietarias e fan que se dilúan as expectativas xeradas

Abraldes tamén se interesou polo último dos procedementos de concentración iniciados, que afecta ás parroquias de Curro e A Portela. A este respecto, tanto a Directora Xeral de Agader, como o Sudirector Xeral de Infraestruras Agrarias, confirmaron que se segue na fase de estudos previos e que polo momento, a pesar de que xa hai casi tres anos que se reiniciou a enquisa de bases e se presentou o proxecto de camiños desta parcelaria, aínda non está prevista a súa execución. 

O Alcalde solicitou nesta reunión que se avance nos procesos de parcelaria, tanto rematando de forma definitiva a concentración de Agudelo-Barro-Valiñas, que agarda que se cumpra o compromiso da Xunta de tela rematada no ano que vén, como avanzando nos demais procesos xa iniciados en Barro, xa que a pesar de que as concentracións son moi necesarias polo noso tipo de territorio, para as persoas propietarias dos terreos estar tantos anos inmersas nestes procesos ocasiona transtornos e fai que se vaian diluindo as expectativas positivas creadas no seu día cos estes procesos de concentración.

Abraldes urxe á Xunta a que avance nos procesos de concentración parcelaria de Barro