25 N: Detrás dos números hai vidas estragadas polo terrorismo machista
Os feminicidios son a punta do iceberg dunha violencia brutal e transversal que atravesa todas as esferas da sociedade, unhas máis visíbeis, outras invisíbeis, sutís, ocultadas.
Aínda que hoxe hai persoas, institucións e partidos políticos que negan ou banalizan a existencia da violencia machista, a realidade é incontestábel.
- 2 mulleres foron asasinadas en Galiza no que vai de ano en casos de violencia machista
- 3.410 vítimas de violencia machista no primeiro semestre de 2023
- 3.454 denuncias por violencia machista recibidas no primeiro semestre de 2023
- 972 ordes e medidas de protección e seguridade das vítimas incoadas no primeiro semestre de 2023
- 41 vítimas menores de idade no primeiro semestre de 2023
- 472 sentenzas condenatorias por violencia machista no primeiro semestre de 2023
Estas son cifras oficiais do Observatorio de Violencia do Consello Xeral do Poder Xudicial e non admiten discusión. Son só unha parte dunha violencia moito máis grande que non somos quen de medir. Faltan as que non acudiron a unha institución, faltan todas aquelas violencias que non chegan a coñecerse ou a identificarse como tal.
As violencias machistas teñen moitas caras e traballan 24 horas ao día estragando vidas como máxima expresión do patriarcado. Temos que as combater con máis intensidade e máis recursos, porque as mulleres querémonos vivas e libres. Este 25N saímos ás rúas para esixir un decálogo de medidas urxentes. Unha axenda de prioridades que vai do ensino á sanidade pasando polo ámbito xudicial para mellorar a protección e aumentar a atención psicolóxica. Desde incrementar a contía das axudas para as vítimas ata reforzar a loita contra a violencia sexual. De destinar 1 de cada 100 euros do orzamento da Xunta a loitar contra a violencia machista ou garantir o dereito a unha vivenda e acabar coa violencia económica.
Queda moito por facer e canto máis nos cuestionen, máis forte será a nosa resposta. Nin un paso atrás.
Animámoste a participar nos actos convocados polo movemento feminista galego o 25 N, en concreto na concentración que terá lugar o sábado 25 ás 12 da mañá na Praza de Ourense de Pontevedra, así como naqueles outros actos e mobilizacións que se convoquen para denunciar a violencia machista