POR 9º ANO CONSECUTIVO CONXÉLANSE AS TAXAS E IMPOSTOS MUNICIPAIS
Barro aposta polo gasto social nos orzamentos municipais para 2024
O Pleno do Concello de Barro aprobou os orzamentos para o 2024, que ascenden a case 3.000.000 de euros, aos que haberá que sumar, tan pronto se coñeza a cifra, a cantidade que lle corresponde ao concello dos fondos da Deputación.
Neste orzamento contémplase, por noveno ano consecutivo, a conxelación de taxas e impostos, así como o incremento da partida destinada a gasto social, que ascenderá á máis de 735.000 euros.
Tamén se continuarán investindo 100.000 euros, ao igual que nos últimos anos, para axudar ás empresas asentadas no polígono de Outeda a aminorar o recibo do ciclo da auga, mentres non se completa o asentamento total de empresas, así como para facer fronte aos gastos de mantemento.
Referente ao polígono de Outeda, tamén se incrementa a partida dedicada á xestión do ciclo da auga, posto que a partir do vindeiro ano o concello asumirá a súa xestión total, xa que até agora a asumía a Deputación.
O Goberno municipal continuará apoiando, a través de convenios de colaboración, os colectivos culturais e deportivos que fan un importante labor social no concello.
O alcalde de Barro,Xosé Manuel Fdez. Abraldes, mostrouse moi satisfeito con estas contas xa “que nos permitirán continuar coa nosa liña de traballo, co obxectivo de mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza, facendo de Barro un lugar no que cada vez se viva mellor”.
As contas para o exercicio do ano 2024 foron aprobadas cos votos a favor do BNG e do PSOE, e cos votos en contra de Xuntos e PP.