19M: Manifestación en defensa da sanidade pública
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comprometeu o apoio do Concello á manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública que terá lugar o vindeiro xoves 19 de marzo ás 20 h. con saída do Hospital Provincial e remate na Praza do Concello.
Segundo explicou Fernández Lores, os argumentos de apoio a esta manifestación son:
- O deterioro da sanidade pública en xeral
- A discriminación de Pontevedra como área sanitaria, dado que o actual tratamento que o Sergas e a Consellería de Sanidade dan a Pontevedra a converten nunha área de terceira categoría.
O alcalde lembrou que nos últimos anos tiñamos unha sanidade pública universal, exitosa e envexable dado que cubría todos os aspectos do gasto sanitario. A actual situación é a redución de máis de 2.000 prazas de profesionais sanitarios en toda Galiza, e esta situación supón o aumento das listas de agarda.
Ao respecto do Hospital Monte Carrasco, o Lores lembrou que se tratou dunha gran mentira, xa que non hai un hospital novo e non hai vontade política nin cartos para poder facelo.
Por estas situacións, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía para que se sume a esta manifestación porque se non facemos un esforzo cada vez será pior.