15 días para unha cita médica en Soutomaior
Soutomaior, 24 de marzo de 2021. As veciñas e veciños de Soutomaior volven ter unha situación de colapso na súa sanidade pública. Un colapso motivado pola falta de médicos, tan só unha no día de hoxe, que fai que o SERGAS non ofreza citas ás veciñas e veciños de Soutomaior antes do 6 de abril días para receitas (14 días de espera) nin antes de 7 de abril para a unha consulta telefónica (15 días de espera).
Este novo colapso provoca que veciños e veciñas que precisan tratamentos imprescindíbeis na súa saúde, se atopen sen ter acceso as estes medicamentos. Pero ademais, este colapso tamén provoca que haxa veciñas e veciños enfermos que teñen agardar 15 días sen atención sanitaria. 15 días para ter unha cita médica que nen sequera é presencial, senón telefónica.
O BNG rexistra no parlamento unha nova iniciativa para dotar Soutomaior de máis persoal médico
A este respecto, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que "estamos a falar de pacientes que quedan sen ansiolíticos e outros tratamentos para enfermidades mentais, sen tratamentos para a dor, ou para enfermidades graves. Estamos falando de persoas que se poñen enfermas e non lles queda outra que ir ao médico privado".
Dende o BNG anunciamos unha nova batería de iniciativas en defensa da sanidade pública. No día de onte, o portavoz municipal e deputado Manu Lourenzo rexistrou unha nova iniciativa no Parlamento Galego para demandar máis médicos para o concello de Soutomaior.
"Este pasado Luns o conselleiro de sanidade estivo aquí para facer un novo anuncio co alcalde", sinalou Manu Lourenzo, "pero non abriu a boca da falta de persoal médico. Agradecemos que atendan por fin á petición dun novo centro de saúde, sexan benvidos á realidade, pero agora o que precisamos son médicos. Os veciños e veciñas están fartos de cortinas de fume electorais namentres enferman e non teñen nin sequera médico/médica ao que ir. É unha vergoña e dende o BNG anunciamos que iniciamos unha batería de iniciativas na rúa e nas institucións para parar o desmantelamento da nosa sanidade pública".