Nova denuncia ao Concello de Soutomaior por verteduras ilegais ao río Verdugo
Soutomaior, 16 de marzo de 2021. O concello de Soutomaior foi novamente denunciado por Augas de Galiza por realizar verteduras ilegais ao río Verdugo. Nesta nova sanción, que foi proposta por Augas de Galiza e asinada o 10/02/2021, impútasenlle como infraccións ecolóxicas ao Concello de Soutomaior o incumprimento do artigo 85 da Lei de Augas de Galiza por realizar verteduras ao río que alteran a calidade das augas.
Na sanción considéranse como danos causados ao medio ambiente o feito de que se producira "vertedura non autorizada de augas residuais ao río Verdugo procedente de instalacións municipais en Comboa"
O Portavoz Municipal do BNG Manu Lourenzo destacou que “unha vez máis o goberno de Agustin Reguera é denunciado por atentar contra o noso medio ambiente. Nesta ocasión o importe da sanción proposta por Augas de Galiza ascende a 5000 euros. Unha cantidade que teremos que quitar de tantas necesidades que teñen os veciños e veciñas de Soutomaior para pagar as irresponsabilidades ecolóxicas do goberno do PP.
Agustín Reguera incumpre a lei e oculta esa información, contaminando ademais dos nosos ríos e montes, a transparencia e a vida democrática de Soutomaior
Manu Lourenzo, destacou tamén “que hai anos que Augas de Galiza está denunciar as irresponsabilidades do goberno do PP de Soutomaior co medio ambiente con informes absolutamente demoledores. Non podemos permitirnos un goberno condenado por botar escombro nos nosos montes nin que cada pouco tempo teñamos que pagar multas ambientais porque quen debería velar polo medio ambiente de Soutomaior adícase a contaminar o río.
Manu Lourenzo sinalou tamén que "hai xa varios meses que lle esiximos que o goberno local nos dese a documentación que solicitamos e están obrigados a darnos por lei sobre cantas denuncias ambientais houbo e por que cantidades, pero a día de hoxe Agustín Reguera incumpre a lei e oculta esa información, contaminando ademais dos nosos ríos e montes, a transparencia e a vida democrática de Soutomaior"