Imprimir

Bará urxe ás administracións traballo conxunto para relanzar un turismo diversificado que aproveite as potencialidades e novas tendencias que se abren para Galiza trala actual crise

bngpontevedra | 05 de xuño de 2020

Encontro guías turísticos
Encontro guías turísticos

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, reuniuse con representantes da Asociación Profesional de Guías de Turismo APiT-Galicia e das súas delegacións en Galiza para dar a coñecer as propostas do Bloque na materia. Insistiu en que é preciso adoptar medidas de choque para paliar a paralización “profunda e sostida” que se producirá nos vindeiros meses e tamén traballar en estratexias de futuro para aproveitar o potencial existente. Para o nacionalista é fundamental que todas as administracións traballen unidas para relanzar o turismo de maneira diversificada, de calidade e aproveitando as novas tendencias que se abren.

A ducia de representantes de guías de turismo, de turismo activo, e de parques naturais trasladaron tanto a Bará como á cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, as súas preocupacións e demandas ante a crise da COVID19 que lle afecta de maneira especialmente dura e dramática ao sector. Como principais conclusións do encontro puxéronse sobre a mesa a necesidade de medidas rápidas e directas para atenuar as consecuencias e a afectación que se prevé que dure todo o ano.  Vai ser un ano practicamente perdido, dixo Bará, que require axudas estatais e da administración galega: “Moitas destas persoas son autónomas e polo tanto deben ter axudas específicas para a súa problemática e a duración do impacto da crise”. 

O candidato do BNG, nun encontro coa Asociación de Guías de Turismo, destacou a necesidade de medidas de choque inminentes para paliar a paralización “profunda e sostida” que se producirá nos vindeiros meses

Tamén se chegou á conclusión da necesidade de aproveitar o impacto no sector para analizar e desenvolver propostas e plans de futuro que permitan aproveitar os retos e potencialidades que ten Galiza no ámbito do turismo. “É fundamental neste sentido que haxa unha interlocución directa por parte da Administración con todos os subsectores do turismo, que haxa unha profesionalización do sector e se combata tanto a competencia desleal como o intrusismo que se practica ás veces polas propias administracións”. O cabeza de lista destacou a importancia de traballar na desestacionalización para que haxa actividades turísticas repartidas entre todo o ano e de apostar por políticas que potencien e estimulen non só a cantidade de turistas, senón tamén a calidade, mediante campañas en ámbitos con capacidade de desenvolvemento como pode ser o turismo urbano, o relacionado co patrimonio cultural ou da natureza. 

Propúxose na reunión a creación dunha mesa galega do turismo verde e de natureza para aproveitar toda a riqueza, calidade e atractivo que ten Galiza neste ámbito, unha iniciativa que xa se puxo en activo en Asturias “e que nos parece do máximo interese”, dixo Bará.

Por último tamén se falou a necesidade de mellorar a xestión pública e de profesionalizar a administración pública, así como de que as administracións vaian a lóxicas de colaboración e non de competencia e creen ferramentas áxiles para responder a retos e novidades e cambios que se producen. “É preciso que se deseñen estratexias serias de futuro pensando que hai un grande potencial se podemos ver novas oportunidades e novas tendencias que se abren para Galiza no contexto actual, finalizou.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bara-urxe-administracions-traballo-conxunto-relanzar-turismo-diversificado-aproveite-potencialidades-novas-tendencias-abren-galiza-trala-actual-crise/20200605114952002474.html


© 2021 BNG comarca de Pontevedra