Pontevedra presenta un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a prórroga de Ence

Pontevedra presenta un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a prórroga de Ence

Seguindo os pasos anunciados xa polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o pasado mes de xullo, o Concello de Pontevedra vén de presentar ao Tribunal Constitucional un recurso de amparo por vulneración da tutela xudicial efectiva, logo do fallo do Supremo ao rexeitar os recursos do Concello e da Avogacía do Estado contra a prórroga de Ence na ría.

Cómpre lembrar que os servizos xurídicos do Concello, en colaboración co equipo de traballo contratado para a ocasión de CSS Abogados, presentou un incidente de nulidade meses atrás. Unha vez desestimado, o Concello recorre agora ante o Tribunal Constitucional.

Este recurso de amparo ten en conta distintas consideracións. A primeira das mesmas parte da idea de que no seu día a Audiencia Nacional recibiu até seis motivos distintos para anular a prórroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy. A Audiencia Nacional só analizou o primeiro dos argumentos, referido ao artigo 32 da Lei de Costas, resolvendo e indicando que, efectivamente, a factoría de Ence podía estar situada noutro espazo, anulando así a prórroga.

Quedaron así os outros cinco motivos sen analizar, entre eles a vulneración da lexislación ambiental autonómica no referido ao Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio; ou que a decisión da continuidade de Ence na ría fose tomada por un Goberno en funcións.

Outra consideración que contempla o recurso de amparo presentado agora é a comprobación de que a sentencia do Supremo vai en contra dos fallos ditados polo propio Tribunal Constitucional considerando o artigo 32. Ence segue sen xustificar que só pode estar na localización actual.

Segundo indicou o alcalde, agora o Tribunal Constitucional terá un prazo de entre dous e tres anos para ditar sentencia no caso de admitir o recurso. De non ser admitido, Lores explica que acudirá a Europa co obxectivo de seguir loitando pola defensa da ría a recuperación ambiental da mesma, revertendo unha prórroga «inxusta» en palabras do rexedor pontevedrés.

Pontevedra presenta un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a prórroga de Ence