Pontevedra acolle a I Festa dos Libros

festa dos libros
festa dos libros
Pontevedra acolle a I Festa dos Libros

Pontevedra acollerá a última fin de semana de xuño a Iª edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores, libreiros e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento e convivencia entre o que escribe e propón e o que le e imaxina.

Os postos das trece librarías participantes -Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas- estarán abertos o venres 23 e o sábado 24 de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 23.30 h e o domingo 25, de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.00 h e ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos espazos.

 

Festa da creación literaria

A concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, acompañado dunha ampla representación das librarías que estarán na Festa dos Libros sinalou que con esta iniciativa, o Concello de Pontevedra aposta polo fomento da lectura e da creación, e polo sector da cultura e do libro como motor de desenvolvemento e dinamización da cidade.

Destaca nesta I Festa dos Libros, que toma o relevo á tradicional Feira do Libro, o éxito de participación. “E a primeira vez que interveñen tantas librarías en eventos similares celebrados na cidade” coincidieron en sinalar a concelleira Carme da Silva e o libreiro Cano Paz. Ademais a cita vai amosar. engadiu Paz, “a diversidade de orientación” das librarías de Pontevedra.

 

Tres días de intensa actividade, con Libros, música, obradoiros, recitais  e  paseos literarios

Durante esta festa da creación literaria na que os libros saen á rúa, terá lugar un amplo abano de actividades dirixidas a todo tipo de públicos, tales como presentacións de autores diversos (entre os que podemos salientar á nosa compañeira Ana Cabeleiro co seu libro Sapos e sereas, dentro da valada literaria “Viños e petiscos literarios” o venres pola tarde, ou mesa redonda sobre a memoria histórica na que, xunto a Montse Fajardo e Susana Sánchez, intervirá o noso compañeiro Luís Bará). Haberá tamén sinaturas de libros, recitais de poesía, contacontos, obradoiros para maiores e pequenos, paseos literarios e actuacións musicais como as de Furious Monkey House, o Seminario Permanente de Jazz Trío ou Primordiais, o dúo formado por Luis Martíns e Marcelo Dobode nunha orixinal reinterpretación da tradición do país con aires improvisados e toques jazz.

 

Nenas e nenos protagonistas da Festa

O público infantil será un dos grandes protagonistas da Festa, xa que para eles se preparou un amplo programa ao longo de toda a fin de semana. Polo correo do vento achegaranos a unha versión moi libre do libro O negriño Panchito, de Alfonso R. Castelao con Periplo Atlántico, contando e debuxando unha historia dun pingüín galego, chea de viaxes, perigos, amor e aventuras. Tamén haberá obradoiros de elaboración de marcapáxinas, de ex libris e de caracterización de personaxes de contos, a cargo de Risotadas, e o espectáculo infantil Volta, revolta e reviravolta de Maimiñas (domingo 25 a mediodía).

Arredor da guía de viaxes para nenos e nenas De paseo con Helena, Cristina Corral e Aurora Cascudo realizarán, o domingo pola tarde, un roteiro familiar polas rúas de Pontevedra que leva por título “Emprazadas”. Os rapaces deberán ir acompañados dunha persona adulta, preferiblemente dos avós.