Lores desmonta unha por unha as mentiras do PP coa compostaxe

Miguel Anxo Fdez. Lores
Miguel Anxo Fdez. Lores

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desmontou de forma contundente, unha a unha, as mentiras do PP sobre a compostaxe. Nin ilegalidades por falta de autorización, nin roedores, nin insectos, nin cheiros, nin ubicacións por decisión política, nin falta de información, nin non escoitar aos veciños, nin actuación fóra de lugar da policía.

Lores desmonta unha por unha as mentiras do PP coa compostaxe

É ben coñecido que o tratamento de residuos urbanos a traveso da compostaxe é un compromiso programático e electoral deste goberno e desta Alcaldía. E nestes tempos nos que na política parece valer todo, para nós segue a ser un valor esencial cumprir co prometido, e non imos renunciar a facelo. Polo tanto, quede claro, que faremos todo o posíbel e, se me apuran, case o imposíbel, para cumprir co noso compromiso de implantar a compostaxe. Tardaremos uns meses mais ou menos, pero mentres gobernemos este concello seguiremos adiante coa implantación da compostaxe dos biorresíduos.

A Lei estatal 22/2011 de 28 de xullo de residuos e solos contaminados, en adiante Lei Estatal de Residuos, o Plan Estatal Marco de Xestión de Resíduos 2016-2022, en adiante PEMAR, aprobado polo Consello de Ministros o seis de Novembro de 2015, o PXRUG, na súa versión inicial de 2011 e na súa actualización de 2014, fixan de xeito claro as normas e a senda pola que temos que camiñar na xestión dos resíduos urbanos.

Asi, A Lei Estatal de Resíduos, no seu artigo 24 escrebe o seguinte: “As autoridades ambientais promoverán a compostaxe doméstica e comunitaria”.

O PEMAR ten entre os seus obxectivos declarados o fomento da economía circular e o tratamento en proximidade daqueles resíduos susceptíbeis de ser tratados. 

Para os que sempre defendemos á compostaxe foi, en principio, unha boa noticia, pois por fin tiñamos un marco legal e un impulso á compostaxe dende administracións superiores. 

A Lei Estatal de Resíduos, o Pemar e o PXRUG marcan o obxectivo obrigatorio de acadar un 50% de resíduos urbanos que teñen que ser sometidos a preparación para a reutilización ou reciclado para o ano 2020

composteiro Ponte boleira

 

É literalmente imposíbel reciclar o 50% dos residuos urbanos se non se tratan os biorresiduos

En Pontevedra o 52% dos resíduos urbanos son biorresiduos, se a isto engadimos que a fracción resto irrecuperábel para a reciclaxe, no mellor dos casos non baixa do 15%, teríamos que con unha utópica separación e reciclaxe do 100% do vidro, papel, envases, RAEE’s, etc, nunca pasaríamos do 33%; na realidade non chegaríamos nin ao 20%, que é a situación actual. Así pois, para poder cumprir coa Lei, non queda máis remedio que actuar sobre os biorresiduos, sobre a fracción que supón, como dixen, o 52% do total.

Asi pois, con esta normativa, como se ve xa relativamente antiga, o marco mudou substancialmente. Incluso SOGAMA, anteriormente feroz e agresiva enemiga da compostaxe, empezou a fomentar a compostaxe individual, bastante mal xestionada por certo, e deseñou unha planta industrial de compostaxe de biorresiduos, que estaba no PXRUG no 2011 e aínda hoxe non entrou en funcionamento. O Ministerio de Medio Ambiente creou programas para fomentar a compostaxe individual e comunitaria, ao que están acollidos en Galiza, San Sadurniño, Cerdedo, despois Cerdedo-Cotobade, e Allariz. 

Saben que en Allariz xa hai composteiros comunitarios en medio urbano como os de Pontevedra pagados polo Ministerio de Medio Ambiente e que en Cerdedo-Cotobade probablemente pronto os haberá? 

Saben que o plano Revitaliza é unha versión mellorada deste programa financiado polo Ministerio?.

E saben que os tres concellos, Cerdedo-Cotobade tamén, teñen pedido asesoramento aos técnicos do Revitaliza?

A vía da compostaxe, e, entre elas, a compostaxe comunitaria semella imparábel, e que todas as forzas políticas lexislaron a favor dela, da comunitaria.

Eu podo entender que haxa persoas que se opoñan, como o entendo dos que se opoñen aos límites de velocidade, a pagar tributos ou a unha expropiación. O que non se pode entender é que unha forza política que aproba unhas normas, tente sabotear a súa aplicación. 

Pero o PP de Pontevedra segue erre que erre en contra da compostaxe, van en dirección contraria. Dá igual que o Ministerio de Medio Ambiente, e que a Xunta, vaian na dirección de impulsar a compostaxe individual e a comunitaria, e que a sigan os Concellos de Cerdedo-Cotobade, Redondela, Baiona, Sanxenxo ou Mondariz-Balneario.

A compostaxe comunitaria está recollida, amparada e impulsada pola normativa, a maioría dela aprobada polo PP

Este ir en dirección contraria, incluso ao seu propio partido, podería sorprender a alguén. A nós non, mais ben coa súa traxectoria, resultaba previsíbel.

Polo ano 2002, mentres que Telmo Martín en Sanxenxo, peatonalizaba, o P.P. de Pontevedra facía campañas e mobilizacións contra a peatonalización de Pontevedra.

Uns anos despois, mentres que a Xunta instalaba redutores de velocidade e pasos sobreelevados en Marín e Ponte Caldelas, o PP opoñíase frontalmente en Pontevedra. 

No ano 2017, mentres os Alcaldes do PP pedían e instalaban lombos nas estradas provinciais dos seus concellos, vostedes montando manifestacións en contra dos instalados en Pontevedra. 

E estamos outra vez na mesma tesitura. En contra das determinacións e propostas da U.E., do Estado e da Xunta, pretenden boicotear a compostaxe en Pontevedra. Desde o primeiro día, todos os días. 

concentración instigada polo PP contra os composteiros

 

As mentiras do PP coa compostaxe

Vexamos:

1) COMPOSTAXE EN PLANTA E COMPOSTAXE INDIVIDUAL

Dixeron que están a favor da compostaxe en planta. Xa o vimos cando lle montaron unha guerra furibunda aos comuneiros da Canicouva por ceder os terreos. Compostaxe en planta pero sen terreos para a planta. Esa é a súa coherencia.

Chegou a descalificar a compostaxe individual dicindo que era como volver ao porquiño, que o moderno era outra cousa. Agora dín que a defenden. Esa é a súa coherencia.

Deixaron facer coa compostaxe comunitaria, porque alguén lles asegurou que ía a dar problemas, agardando que esas supostas desgrazas bíblicas nos ían a meter en apuros.

Como non deron ningún problema, montáronos vostedes, ás veces con uns inesperados compañeiros de viaxe, nunha campaña baseada nuns argumentos que non se sosteñen por ningún lado:

 

2) ARGUMENTO LEGAL

En ningún lugar da Lei aparece que os composteiros comunitarios precisen autorización da autoridade ambiental, neste caso da Xunta de Galiza. Nin tan sequera comunicación preceptiva. 

Que se saiba, os residuos urbanos están catalogados como non perigosos. Vexamos o que di o artigo 29.- da Lei Estatal de Resíduos: “deberán presentar unha comunicación previa os que xeren máis de 1.000 t/ano de resíduos non perigosos”, isto é o que di,  e ningún Centro de Compostaxe Comunitaria xera nin trata unha cifra semellante- No caso de maior utilización non chega ás 50 t/ano, vinte veces menos do límite que establece a Lei.

Así pois, nin autorización previa nin tan sequera comunicación previa. 

Pero miren vostedes, quixeron no Revitaliza, que dirixe o Sr. Mosqueira, ser tan escrupulosos que si fixeron a comunicación, e foron funcionarios tanto da Consellería de Medio ambiente como de Sanidade a inspeccionalos.

Enganan á xente cando lle contan que é precisa autorización. Algún que lles creu chegou a pedirllo á empresa que construía as bases.

 

2) ARGUMENTO DE CHEIROS

En Pontevedra hai colocados 11 centros de compostaxe comunitaria, na provincia 61, case todos levan máis dun ano funcionando, varios deles chegan aos dous, e ningún dou problemas de cheiros. Como non cheiran na realidade, inventamos que van cheirar no futuro. Se o proceso se fai ben, e para iso están os mestres composteiros, non cheira. Está comprobado e recomprobado.

 

3) ARGUMENTO DE ROEDORES

Só o descoñecemento, entendíbel nos veciños, non en vostedes, das características técnicas das bases e dos composteiros pode levar a afirmar algo así. Por debaixo non poden entrar porque leva unha malla antiroedores impenetrábel, as paredes exteriores de imposíbel acceso, e se alguén os botase por enriba, nun ambiente interno que pode acadar os 65 ou 70 graos, pouco futuro tería o bicho, a non ser producir composta.

 

4) ARGUMENTO DOS INSECTOS

O mesmo que o anterior. Só se a tapa non pecha ben, pode dar lugar á presenza de insectos. Se pecha ben, coas temperaturas que hai dentro do composteiro, non hai insecto voador que resista.

 

5) ARGUMENTO DE FALTA DE INFORMACIÓN E DE ESCOITAR AOS VECIÑOS DA RÚA EDUARDO PONDAL E ALEDAÑOS 

En relación á información aos veciños e veciñas, creo que é de todos coñecido que houbo unha reunión coa asociación de veciños, que é quen solicitou a instalación dos composteiros na que se comunicou que era necesario o compromiso de fogares para instalalo. Despois houbo unha reunión informativa aberta, anunciada pola prensa e nos portais. Alí estaba, por exemplo, José Luis Martín, que non se enterou por ningún convite ou comunicación do concello, senón polos medios anteriores. Este é o protocolo fixado para todo o Plan Revitaliza, e xa van colocados 61 centros na provincia en 22 concellos e proximamente irán outros tantos. En ningún dos anteriores 61 en concellos de toda cor política, incluídos do PP, houbo queixas de falta de información, en ningún. Agora temos que escoitar que hai problemas de información. Cal é a única diferenza entre os 61 anteriores e este de Eduardo Pondal? Que se meteu polo medio o PP de Pontevedra.

Que teríamos que facer segundo o PP de Pontevedra? Igual convocar reunións e máis reunións até que aparecera un que se opuxese e darlle a razón contra toda evidencia? Igual, eu que sei.

 

Nin ilegalidades por falta de autorización, nin roedores, nin insectos, nin cheiros, nin ubicacións por decisión política, nin falta de información, nin non escoitar aos veciños, nin actuación fóra de lugar da policía.

 

A partires da solicitude, das sinaturas e das aportacións previstas ou comprobadas, as ubicacións escóllense con criterios estritamente técnicos: condicións topográficas, centralidade en relación aos aportantes, existencia de conexión á rede de água, e outros criterios que manexan os expertos.

De Eduardo Pondal, hai un escrito seguido de firmas, e algúns individuais, con contido similar. En ningún deses escritos se pide ningunha reunión nin entrevista. Limítanse  a solicitar a paralización da instalación, sen dar moitas explicacións, a maiores dos motivos e medos que vostedes lle transmitiron. Comprenderán que si uns veciños piden composteiros, se se dou toda a información a quen quixo recibila, non podemos paralizar a súa implantación. E comprenderán que resulta difícil recibir ou ter unha reunión con quen non a solicita. Por certo, que varios dos asinantes xa falaron con este Alcalde e con outros concelleiros do goberno, incluso recoñecido publicamente por algún deles, aínda que fose para terxiversar despois as nosas palabras, pero falamos.

Si hai unha solicitude, unha única, en relación a Ponte Boleira. Nela non fai ningunha crítica nin preocupación nin motivo, simplemente pide unha cita co Alcalde. É a única que hai pendente, se é que non falou xa con algún de nós. Non o sei porque os que falaron non se identificaron.

 

composteiro Eduardo Pondal

 

6) ARGUMENTO DA INTERVENCIÓN POLICIAL O PASADO MÉRCORES 4 DE ABRIL

Miren vostedes, a policía local de Pontevedra ten uns protocolos de actuación acorde á Lei, a triste Lei Mordaza, que segue igual en todos os casos. 

Hai uns meses, cando uns chavales de Galiza Nova estaban facendo un mural de Rosalía nun muro de bloques en Campolongo, vamos, estábano adecentando, unha persoa chamou á polícía local, alá foi a policía, identificou aos pintores e, como non tiñan autorización, comunicou os feitos á subdelegación do goberno. Neste caso, a empresa chamou aos funcionarios, a policía acudiu, identificou aos que estaban intentando paralizar as obras e, como é preceptivo, comunicou os feitos á Subdelegación do Goberno. Exactamente igual nun caso que noutro, sempre actúan igual.

Neste caso do intento de paralizar as obras en Eduardo Pondal, o Concello, dado que afectan a un ben municipal, a maiores da obrigada comunicación á subdelegación, podería abrir un expediente sancionador aos que pararon transitoriamente as obras. Xa llo anuncio que estean tranquilos. Non o faremos. A Lei Mordaza aprobouna o PP en solitario en Madrid, nós estamos en contra dela e, no que poidamos, non a aplicaremos, pero os protocolos da policía local son os mesmos para todos, e se actúan en contra das determinacións da Lei Mordaza que están recollidas no protocolo pódense meter os policías nunha lea.

Creo que queda claro, ben clariño. 

A compostaxe comunitaria está recollida, amparada e impulsada pola normativa, a maioría dela aprobada polo PP.

Nin ilegalidades por falta de autorización, nin roedores, nin insectos, nin cheiros, nin ubicacións por decisión política, nin falta de información, nin non escoitar aos veciños, nin actuación fóra de lugar da policía.

Parten dun erro de fondo moi grave. Montaron antes da últimas municipais unha guerra pensando que perderon a alcaldía de Pontevedra pola empacadora de Pontevedra-Vilaboa, feito falso, e quixeron reeditala. A consecuencia foi que baixaron de 11 a 7 concelleiros. Pero persisten no erro. Non ven que a maioría está a favor da compostaxe e que incluso os que logran mover tamén o dín e o único polo que se queixan é polas ubicacións decididas por criterios exclusivamente técnicos.

 
 
Lores desmonta unha por unha as mentiras do PP coa compostaxe