O BNG reclama solucións ante o novo colapso do centro sanitario de Arcade durante a campaña de vacinación

Centro de saúde de Arcade
Centro de saúde de Arcade
O BNG reclama solucións ante o novo colapso do centro sanitario de Arcade durante a campaña de vacinación

Soutomaior, 31 de outubro de 2023. O BNG denuncia que o centro de saúde de Arcade vén de sufrir un novo colapso nos últimos días con motivo da campaña de vacinación aos maiores de 80 anos. Ante a falta de recursos no centro de saúde para vacinar aos veciños e veciñas de Soutomaior que están nesta franxa de idade, tiveron que desprazarse ata Vilaboa para poder ser vacinados, tendo na maioría dos casos que facer o dobre de traxecto que se tivesen que achegarse ao centro de saúde de Arcade. Ademais, para levar a cabo a vacinación en Vilaboa, a Xunta tamén desprazou unha enfermeira do centro de saúde do concello ata alí.

Esta situación súmase aos problemas existentes dende fai meses no servizo de pediatría, agravados nas últimas semanas pola chegada do mal tempo e o frío. Agora mesmo o centro de saúde só ten a capacidade de atender a nenos con cita previa, pero o período de agarda atópase nos 15 días, xa que Soutomaior segue sen contar con pediatra e a Xunta só envía pediatras doutros centros de saúde para cubrir determinados ocos. Todas as urxencias que chegan ao centro de saúde son derivadas a Pontevedra, o que obriga aos pais a desprazarse en coche cos seus fillos ou fillas enfermas ata outro concello para poder ser atendidos.

O BNG insta á Xunta que dote de máis recursos o centro de saúde para poder facer fronte ás necesidades sanitarias de Soutomaior

O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, pídelle á Xunta a que adopte medidas canto antes e busque solucións aos problemas de falta de recursos no centro de saúde de Arcade. “Precisamos máis recursos para garantir o acceso a unha sanidade pública de calidade a dous dos colectivos máis vulnerables nesta época do ano: os nosos maiores e a nosa rapazada. Coa chegada do frío e o mal tempo é máis importante que nunca que a veciñanza conte cun centro de saúde que poida facer fronte ás necesidades médicas”.

Pola súa parte o alcalde Manu Lourenzo e a concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, que mantiveron unha reunión o pasado mes de agosto co xerente da área sanitaria de Pontevedra para trasladar as queixas da veciñanza, seguen a traballar para que a Xunta dote de máis recursos o centro de saúde de Arcade. “É algo que pide toda a veciñanza de Soutomaior e nós imos estar aí para defender os seus intereses”, asegurou o alcalde Manu Lourenzo.

O BNG reclama solucións ante o novo colapso do centro sanitario de Arcade durante a campaña de vacinación