O BNG INSTA Á XUNTA A QUE ESTABLEZA UN DIÁLOGO COA DEPUTACIÓN E OS CONCELLOS AFECTADOS

O BNG propón un novo parque de bombeiros que dea solución aos concellos da "zona de sombra"

Luís Bará cos Portavoces de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Moraña
Luís Bará cos Portavoces de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Moraña
O BNG propón un novo parque de bombeiros que dea solución aos concellos da "zona de sombra"

Tivo lugar no local comarcal do BNG unha reunión na que participaron o deputado do BNG, Luís Bará, e os portavoces municipais en Campo Lameiro (Dolores Rodríguez), Cerdedo-Cotobade (Ernesto Filgueira) e Moraña (Marcos Suárez), para analizar a situación das emerxencias nestes concellos, que, xunto cos de A Lama, Forcarei e Ponte Caldelas conforman unha “zona de sombra”, onde os tempos de resposta son moi superiores aos vinte minutos recomendados pola normativa vixente. Son, polo tanto, concellos cunha mala cobertura de emerxencias, nos que a poboación está desprotexida ante calquera situación de risco.

Os representantes do BNG acordaron instar á Xunta de Galiza para que lidere a solución a este grave problema, xa que é a institución que, por Lei, ten as competencias en materia de coordinación, planificación e elaboración do mapa de emerxencias de Galiza. Unha solución, que ao entender do BNG pasa pola creación dun novo parque de bombeiros, que ten que ser o resultado dun estudo serio e riguroso, e dun diálogo efectivo entre Xunta, Deputación e concellos afectados para abordar as súas características e financiamento.

Xunta e Deputación teñen que financiar o novo parque de bombeiros

Na reunión informouse por parte do deputado nacionalista, Luís Bará. que o 16 do presente mes levará o tema a unha comisión do Parlamento, para que o goberno galego se pronuncie sobre esta cuestión e dea unha resposta sobre o que pensa facer para buscar unha solución a este grave problema.