O BNG denuncia que a Xunta pretende deixar ELNOSA na ría

O BNG denuncia que a Xunta pretende deixar ELNOSA na ría

O grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego, através do deputado por Pontevedra Luís Bará, denuncia publicamente as manobras do goberno galego para consolidar a empresa cloreira ELNOSA na ría de Pontevedra, en contra das determinacións contidas en normas como o Plan de Ordenación do Litoral (POL) ou as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), aprobadas polo goberno galego, que clasifican os terreos en que se asenta a fábrica como “zona de mellora paisaxística”.

Ante o anuncio feito público no día de onte pola Xunta de Galiza, através  la Consellería de Medio Ambiente, do inicio do procedemento para a revisión e ampliación da autorización ambiental integrada a ELNOSA, o BNG, a través do deputado por Pontevedra Luís Bará, presentará varias preguntas parlamentarias ante a comisión de medio ambiente e o pleno, para que a Xunta de Galicia aclare as súas intencións e os acordos acadados coa empresa. Por outra parte, por medio dunha proposición non de lei, o grupo parlamentar do BNG solicitará un pronunciamento da cámara en contra da continuidade da empresa en terreos de dominio público marítimo terrestre, na enseada de Lourizán.

O BNG considera que con estas decisións da Xunta de Galicia estase preparando o terreo para a ampliación da concesión á empresa máis alá da data de caducidade, 2021. “O que se prepara é outro trato de favor semellante a concedido a ENCE, ampliando a concesión de ELNOSA ao amparo da nova lei de Costas, entregándolle gratuitamente terreos de dominio público martítimo terrestre a unha empresa privada”.

O BNG denuncia tamén públicamente os enganos e mentiras do PP, que anunciou repetidamente o peche e traslado da factoría e agora está manobrando, mediante a renovación da autorización integrada, para favorecer os intereses da empresa e facilitar a súa continuidade nuns terreos públicos que deben ser recuperados outros usos.

O deputado nacionalista lembra que na comarca de Pontevedra existe un elevado consenso en contra da continuidade da empresa ELNOSA na súa ubicación actual, por tratarse dunha actividade molesta e perigosa e por constituír unha auténtica bomba de reloxería e unha ameaza para a poboación da contorna.

Por último, Luís Bará incidiu en que os anuncios e decisións do goberno galego estanse tomando de costas ao pobo e ao concello de Pontevedra, empregando unha lexislación feita á medida para pasar por riba da administración municipal e favorecer intereses privados.

O Concello pora todos os seus medios para impedir a súa consolidación

"É unha tomadura de pelo. Nin Fraga Iribarne se atreveu a tanto", asegurou Carme da Silva, lembrando que xa no seu día o ex presidente da Xunta deixou fóra a Elnosa do plan supramunicipal de Ence porque entendía que a súa situación, para unha fábrica destas características, era "absolutamente desafortunada".

Nós mantémonos firmes en que "non pode continuar aí" e por iso poremos todos os medios administrativos, políticos e sociais "que temos á nosa disposición" para frear esta "inxustiza" cara á ría e cara os cidadáns de Pontevedra que teñen un posicionamento "claro e maioritario" en contra deste complexo industrial.

Ademais, a nosa compañeira lembrou que Elnosa non cumpre os requisitos urbanísticos para continuar coa súa actividade en Lourizán e reiterou que, pase o que pase, aprobar o PERI que necesita é inviable e non se pode tramitar.

"O Concello pouco máis ten que dicir do que leva dicindo os últimos 17 anos", explicou Carme da Silva, que acusou á Xunta e a Elnosa de "facer negocio" á conta da saúde, do medio ambiente e da economía pontevedresa, destacando que a empresa "non ten problema" para desenvolver a súa actividade noutra localización.

O Concello lamenta que mentres este tipo de complexos industriais en toda Europa, alónxanse cada vez máis das contornas urbanas, "aquí temos que tragar porque nos tratan como unha colonia".

Carme da Silva criticou o pacto que existe entre a Xunta de Galiza, o Goberno central, o Partido Popular e as empresas Ence e Elnosa para consolidar o complexo de Lourizán. “Estase obtendo centos de millóns de euros de beneficio a conta da ría de Pontevedra, da súa comarca e do seu futuro, xa que se trata de empresas que foron mercadas a prezo de saldo precisamente porque tiñan data de caducidade".