O BNG denuncia un novo vertedoiro incontrolado en Moraña

O BNG denuncia un novo vertedoiro incontrolado en Moraña

O BNG-Moraña denuncia o verquido, promovido polo goberno municipal, realizado na explanada  do lugar de Mos, xusto a carón da praza. Este verquido provén de baleirado da praza de abastos hai xa preto de quince días. A este respecto hai que sinalar que o propio  goberno municipal prometera no último pleno retirar canto antes todo ese material da explanada de Mos, cuestión que a día de hoxe continúa sen producirse.

O BNG denuncia ademais a extrema gravidade da situación, posto que, como se pode comprobar nas imaxes que adxuntamos, nesa vertedura tamén se tiraron bases de datos persoais, máis concretamente fichas de vehículos rexistrados no noso concello, que conteñen diversos datos persoais de veciñas e veciños, cuestión que ademais de estar alonxada de toda ética e seriedade, bordea perigosamente a lei  orgánica 15/1999 de Protección de Datos de carácter persoal. É por todo isto que dende o BNG demandamos a inmediata recollida de todo o material e a retirada á exposición pública nesa explanada e conseguinte destrución de calquera base de datos persoal.

Para o BNG de Moraña estes feitos poñen unha vez máis de manifesto por unha parte a deixadez e desleixo totais por parte do goberno municipal do PP, dando así o Concello un lamentable exemplo á veciñanza a respecto da adecuada xestión de residuos, e ademais a inseguridade, pouca seriedade e rigor na acción de goberno que demostran o feito de botar a unha explanada, coa posibilidade de ser mirados e recollidos por calquera persoa, fichas con datos persoais dos veciños e veciñas de Moraña.