O BNG aposta por un xiro de raíz nas políticas do monte e promete “menos eucalipto e máis bosque multifuncional”

O BNG aposta por un xiro de raíz nas políticas do monte e promete “menos eucalipto e máis bosque multifuncional”

Cangas, 13 de Muño de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, defendeu hoxe o obxectivo de “menos eucalipto e máis bosque multifuncional” para o monte galego. Destacou que unha vez o Bloque chegue ao goberno galego tras o 12X dará un xiro de raíz nas actuais políticas forestais e do monte e apostará por compatibilizar as funcións produtivas coa diversificación de usos fronte á priorización de cortas.

Luís Bará puxo sobre a mesa unha batería de medidas: unha nova Lei de Montes, cambiar o tratamento fiscal das comunidades, flexibilizar o reinvestimento no monte e un novo Plano Forestal que limite o eucalipto

Bará expuxo estas ideas nunha andaina polos montes de Coiro en Cangas na que estivo acompañado pola candidata Iria Villar, o responsable local do BNG en Cangas, Valente Campos, a portavoz municipal Merche Giráldez, o presidente da comunidade de montes de Coiro Manolo Soaxe, e militantes e simpatizantes.

Concretando as medidas polas que aposta o BNG, Bará citou a creación dunha nova Lei de Montes para resolver a cuestión da propiedade comunitaria pola súa singularidade. “É característica do noso país e non existe noutras zonas e hai que darlle recoñecemento legal expreso a esa propiedade, o que ten unha serie de consecuencias no tratamento desa figura de relación co monte”, subliñou.

O cabeza de cartel sinalou que é moi necesario modificar a lexislación en materia fiscal para mudar o tratamento que teñen as comunidades de montes, ás que se lle aplican o imposto de sociedades como se fosen unha empresa que ten un lucro directo. Tamén avogou por cambiar o reinvestimento do aproveitamento do monte, unha figura que –dixo- se debería flexibilizar para adaptala a cada realidade e a cada situación concreta. “Hai que procurar un reinvestimento, pero vinculado a plans de ordenación, a premiar ás comunidades que traballan mellor”, matizou.

Outro dos puntos que puxo sobre a mesa foi cambiar a xestión pública do monte, porque unha boa parte está conveniado coa administración: “A Xunta ten acordos coas comunidades de montes pero eses montes son un desastre ou están moitas veces destinados á función produtiva de madeira de crecemento rápido”, afirmou. 

Por último, destacou que o BNG defende a realización dun novo Plano Forestal onde se poña límite á superficie de eucalipto, e se suprima sobre todo nas terras de uso potencialmente agrario. “Un país como Galiza non se pode permitir o luxo de seguir perdendo superficie agraria para estes usos de madeiras de crecemento rápido que teñen risco de incendio. Hai que eliminar eucalipto das zonas onde non debe estar, ríos, espazos protexidos...”, insistiu.

O candidato destacou que neste momento a Xunta do Partido Popular unicamente promove e fomenta o monocultivo de eucalipto e piñeiro principalmente. “Nós apostamos pola diversificación con outras especies arbóreas, pero tamén por outros aproveitamentos... gandeiros, de froitos, de castañas ou cogomelos, que tamén teñen unha función preventiva contra os lumes forestais. Ter gando no monte é mellor que gastar diñeiro en apagar lumes e hai experiencias de gandería extensiva moi interesantes na nosa provincia que o demostran”, subliñou. Insistiu en que é preciso investir en prevención e non en extinción, como acontece coa maior parte das políticas dos ‘polulares’. 

Salientou o cabeza de cartel que o bosque atlántico, e non o eucalipto e o piñeiro, son “o bosque tradicional de Galiza, que responde á nosa identidade”, ademais de ser  mellores tanto para sacar rendemento diversificado como pola a súa función ecolóxica, de protección do cambio climático e de contención fronte ás especies pirófitas e os incendios . 

Por outra banda, Bará tamén puxo de manifesto que o monte ten tamén funcións sociais de lecer e goce con actividades lúdicas e recreativas, e tamén importantísimos valores e funcións ambientais relacionadas coa biodiversidade, funcións ecosistémicas, e de retención de CO2, que cualificou como “cuestións fundamentais” no momento actual de loita contra o cambio climático. 

Segundo dixo, o BNG aposta pola conservación e creación de grandes parques forestais con usos variados nas zonas urbanas e periurbanas, así como pola necesidade de poñer en valor proxectos levados adiante polas comunidades de montes como a de Coiro, que amosan unha aposta decidida por usos e valores do monte. 

“O modelo do PP o que fai é que todos os esforzos se destinen á corta de eucalipto e piñeiro que vai para Ence e outras fábricas, e que non se aproveite a cadea de valor e a transformación do produto”, subliñou.

O BNG aposta por un xiro de raíz nas políticas do monte e promete “menos eucalipto e máis bosque multifuncional”