Bará propón un Plan de Mellora de Atención Primaria cun incremento do orzamento de 200 millóns de euros para contratar persoal

Bará propón un Plan de Mellora de Atención Primaria cun incremento do orzamento de 200 millóns de euros para contratar persoal

Pontevedra, 27 de xuño de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, o nacionalista Luís Bará, afirmou hoxe que o Bloque dende o goberno da Xunta porá en marcha un plan de mellora de Atención Primaria que incrementará en 200 millóns de euros o orzamento xeral do Sergas para mellorar a dotación de persoal tanto de Enfermería, Medicina de Familia como de Pediatría. O obxectivo, dixo Bará, será “contrarrestar as políticas de recortes e privatizacións do Partido Popular ao longo de once anos que puxeron contra as cordas a Atención Primaria”.

Bará realizou estas declaracións en Ponte Sampaio na concentración convocada pola Plataforma veciñal Ponte Sampaio-A Canicouva para reivindicar a reapertura inmediata do centro médico da parroquia, na que tamén participou o candidato nº 4, Manu Lourenzo. O cabeza de cartel comprometeu ante a veciñanza “unha atención médica integral e de calidade coa reactivación do consultorio” cando o BNG chegue ao goberno da Xunta o vindeiro 12X, así como seguir participando en todas as medidas de presión cara ao goberno do PP ata que se produza “o cambio galego” na cita coas urnas. Lembrou, de feito, que o pasado 21 de maio el mesmo  presentara unha pregunta parlamentar sobre o peche do centro médico do que a día de hoxe non ten contestación.

Bará compartiu a reclamación da veciñanza da zona, e lembrou tamén que o Concello de Pontevedra dispón dun Centro Cultural no que se poderían reiniciar de inmediato as consultas médicas con todas as garantías sanitarias, pois dispón de entrada e saída independentes e tamén de dimensións suficiente. Subliñou, de feito e coincidindo co argumentario veciñal, que a negativa do Sergas ao retorno do médico ao consultorio parece simplemente unha “medida dilatoria co único propósito de acabar pechando a instalación co grave prexuízo que causará á parroquia”.

O cabeza de lista do BNG participou na concentración pola reapertura do centro médico de Pontesampaio e comprometeu unha atención médica integral e de calidade para a veciñanza da zona tras o 12X 

O centro tivo un funcionamento normal durante os últimos anos ata a convocatoria do estado de alarma, cando o Sergas acordou retirar o facultativo, e ata a mediados do mes de maio cando se retirou o enfermeiro. Dende entón a opción dos pacientes –a meirande parte persoas maiores e vulnerables- foi achegarse ao centro médico Virxe Peregrina. Ante esa situación, a Plataforma recolleu nun só día 610 sinaturas de veciños e veciñas, e a presión da cidadanía e o apoio do Concello de Pontevedra permitiu que o Sergas enviase ao centro sanitario o ATS a mediados de xuño, pero quedou pendente o retorno do facultativo. 

Bará subliñou que é preciso manter a presión social ante a Xunta para a restitución da actividade normal no consultorio. Destacou, así mesmo, que é precisa unha mobilización o 12X para demostrar con votos o que a veciñanza reclama nas rúas: “que quere outro goberno que defenda os servizos públicos, nomeadamente a sanidade, e que non quere máis recortes como os aplicados polo goberno de Núñez Feixóo”.

O cabeza de cartel insistiu en que o BNG aposta por uns servizos públicos de calidade. Sinalou que a día de hoxe, tras a crise da COVID-19, a sociedade ten comprobado a necesidade de que os servizos básicos como o sanitario estean fortalecidos dende as administracións sendo cento por cento públicos sen atender a intereses económicos: “un novo goberno da Xunta dirixido polo BNG vai frear as privatización e o deterioro dos servizos públicos e apostar por unha sanidade pública universal e gratuíta para toda a poboación, insistiu

 

Bará propón un Plan de Mellora de Atención Primaria cun incremento do orzamento de 200 millóns de euros para contratar persoal