Bará asegura que “hai partido” e prevé un resultado “histórico” para o BNG nas eleccións do vindeiro 12X

Bará asegura que “hai partido” e prevé un resultado “histórico” para o BNG nas eleccións do vindeiro 12X

Pontevedra, 18 de xuño de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, afirmou hoxe que o resultado das eleccións do vindeiro 12X está aberto. O nacionalista destacou que, aínda que as enquisas só amosan tendencias, todas coinciden na tendencia de subida “imparable” do BNG e na figura de Ana Pontón como líder alternativa ao Partido Popular, polo que pediu a mobilización do voto urbano, da xente moza e de todas as persoas descontentas que queren un cambio político na Xunta de Galiza. 

Bará fixo estas declaracións nunha reunión informal co equipo de campaña, “un alto no camiño para reencontrarnos e facer equipo, reflexión e análise dos retos nas vindeiras semanas”. Destacou que as expectativas do BNG son as máximas e que a forza nacionalista vai nestas eleccións a por todas alimentada polos resultados de todos os inquéritos. Sinalou que as enquisas hai que tomalas con cautela, sabendo que marcan tendencias en xeral, pero indicou que hai tendencias que se repiten: o crecemento imparable, que Ana Pontón ten a mellor valoración e encarna a figura dun país novo, sobre todo na xente moza, e que o BNG é alternativa seria de goberno.

Outro elemento importante que sinalou nos resultados dos sondeos é a corrente de fondo dun grande cambio sociolóxico e político en Galiza que está representado polo alto apoio que ten o BNG na poboación máis nova. “O feito de que os inquéritos digan que o BNG ten unha expectativa de voto de máis do 40% na poboación de menos de 35 anos é realmente espectacular e revela que a alternativa de futuro para este país”, subliñou. 

Luís Bará pide a mobilización do voto urbano, da xente moza e descontenta

Con estas perspectivas, o cabeza de cartel destacou que o BNG vai intensificar e  acelerar aínda máis a campaña “porque pensamos que se pode dar un resultado histórico que permita derrotar dunha vez e ao mesmo tempo á dereita e o centralismo e situar ao BNG á fronte do país. Facer historia poñendo á fronte a unha muller como Ana Pontón como presidenta de Galiza, algo que será beneficioso e daría unha mensaxe ao mundo do que quere ser este país”.

O candidato fixo un chamamento á mobilización do voto que quere un cambio galego e indicou que para o BNG é fundamental a mobilización do voto urbano, do voto da mocidade e do que quere cambio nun contexto de alta participación o próximo 12 de xullo. “Hai grande corrente de apoio e simpatía ao BNG que nos pode levar a non ser segundos, senón a liderar este país para darlle un grande impulso e convertelo no país que a maioría do pobo quere”, puntualizou.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a ilusión polo cambio na liña do goberno da Xunta e a chegada ao goberno do BNG. “Levamos 20 anos traballando cun grande equipo do que formou parte Luís Bará e somos quen de presentar unha xestión brillante que é un referente internacional. O cambio na Xunta daríanos un impulso absolutamente necesario porque fomos quen de facer todo sen practicamente apoio doutras institución. Se a Xunta vai da man dun goberno que quere transformar as cousas iso facilitaría moito e daríamos un salto adiante”, salientou.

Así, fixo un chamamento á poboación da comarca para que aposte por un cambio de goberno na Xunta e que o BNG teña resultados que permitan que Ana Pontón sexa presidenta. Lembrou que Bará coñece nomeadamente as necesidades e demandas de Pontevedra, porque as levou ao Parlamento e vive na cidade. “Haberá que facer unha priorización dos asuntos, e, na liña do modelo urbano, teremos un puntal grande”, finalizou.

Bará asegura que “hai partido” e prevé un resultado “histórico” para o BNG nas eleccións do vindeiro 12X