Fanpa
Novas
Demetrio Gómez

Pontevedra incrementa un 2,5 por cento anual a subvención á FANPA para celebrar as ludotecas de verán e de Nadal

Pontevedra, 7 de xullo de 2026. A Comisión extraordinaria de dinamización social e benestar social ditaminou favorablemente o novo convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FANPA). O ditame da comisión extraordinaria saíu adiante con seis votos favorables —catro do BNG e dous do PSOE— e as dúas abstencións do Partido Popular.

Esta subvención estenderase por un período de catro anos, dende 2026 ata 2030, cun orzamento total asignado de 456.776,72 euros. O seu obxectivo é asegurar o funcionamento regular e a viabilidade financeira das ludotecas de verán e Nadal, servizos esenciais para a conciliación da vida familiar e laboral na cidade.

Unha das novidades máis salientables do acordo é a inclusión dun incremento anual acumulativo do 2,5 por cento. Este axuste deseñouse para solucionar un problema estrutural herdado do convenio anterior (2024-2026), cuxas contías fixas acababan quedando obsoletas polo efecto da inflación e a suba de prezos, reducindo a marxe de manobra da FANPA. Con este incremento graduado, disporá dun maior desafogo e estabilidade financeira para a contratación de persoal técnico e a adquisición de materiais de lecer.

"A FANPA realiza un labor excelente. Estas ludotecas, tanto as de verán como as de Nadal, son un recurso case imprescindible para as familias de Pontevedra. Coa ampliación a catro anos e a inxección orzamentaria anual protexemos este servizo contra as tensións inflacionistas e garantimos que a federación poida traballar con total solvencia e estabilidade", salientou o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez.

O programa estrutúrase en dous grandes bloques de actividade ao longo de cada anualidade:

Escolas de verán (Ludoverán): Desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto en dez centros educativos públicos. Habilitaranse cinco ludotecas no ámbito rural e cinco no urbano. Dentro destas últimas, establécese como obrigatoria a apertura do centro de Monte Porreiro para dar resposta ao elevado volume de poboación do barrio. A previsión é atender a 1.200 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. En materia lingüística, nove das ludotecas impartiranse en lingua galega e unha en inglés.

Escolas de Nadal (Ludonadal): Terán lugar durante todos os días laborables non lectivos do período de vacacións de Nadal, en horario de 9:00 a 14:00 horas, en dous centros públicos de Pontevedra. Están deseñadas para dar cobertura a un mínimo de 150 prazas. Unha das ludotecas impartirase integramente en galego e a outra en lingua inglesa.

Para optar a unha das prazas gratuítas é requisito inescusábel que as crianzas estean empadroadas en Pontevedra. O proceso de adxudicación priorizará a aqueles nenos e nenas matriculados en colexios públicos do concello, dando cabida a alumnos doutros centros só no caso de existir vacantes. Así mesmo, o baremo da FANPA priorizará a conciliación das familias nas que traballen ambos proxenitores ou titores legais, xunto coas familias numerosas. O convenio reserva un 10 por cento das prazas para menores derivados polos Servizos Sociais municipais.

Ler novas