O DEPUTADO DO BNG MANU LOURENZO ESIXE A SÚA REPOSICIÓN
O BNG esixe a reposición da aula de educación infantil do CEIP de Barcelos suprimida pola Xunta
As nais e pais de 4º de Educación Infantil (alumnado de 3 anos) concentráronse esta mañá diante do CEIP Praza de Barcelos para solicitar a reposición da aula que foi eliminada pola Xunta de Galiza no medio dun contexto de pandemia, cando máis espazo se precisa para atender ás crianzas, e sen aportar ningunha explicación.
Pontevedra, 15 de setembro de 2020. Durante a concentración celebrada esta mañá, a representante da dos pais e nais de 4º de Ed. Infantil, Almudena López, fixo fincapé na incoherencia da Consellaría de Educación que, nun novo bandazo, saltouse os seus propios argumentos, pois o centro dispón de espazos abondos para desdobrar esa aula: “Non podemos entender que se suprima unha das aulas cando máis falta fai, non podemos entender que se permita que 23 alumnos e alumnas de 3 anos (coas súas dificultades para manter distancias e seguir protocolos) compartillen aula tendo ao lado unha baleira”.
As nais e pais solicitan unha reunión co Xefe Territorial de Educación para que se reconsidere a decisión tomada e se reabra a aula pechada. “Tan só queremos dispor dos medios que o centro ten ao seu alcance. Non é momento de recortar unha aula, non en plena pandemia”, insistiu Almudena López.
Asistiu á concentración o deputado do BNG Manu Lourenzo, voceiro de Educación do grupo nacionalista, que expresou a solidariedade do Bloque cos nenos e nenas afectados. “Non se pode permitir que se conculquen os dereitos do alumnado do CEIP de Barcelos nin que a Xunta actúe seguindo criterios unicamente economicistas. O prioritario nestes comezo de curso é que o goberno de Feijóo garanta a saúde, a seguridade e a mellor calidade do ensino para todos os nosos fillos e fillas: no colexio de Barcelos demostran que só lles importan os números, non as crianzas”
O deputado nacionalista foi máis alá e indicou que as crianzas de esta escola están sendo discriminadas porque “sabemos que outros centros da contorna manteñen dúas liñas co mesmo número de alumnos e alumnas que no colexio de Barcelos. A Xunta ten que explicar porqué estes nenos e nenas non teñen os mesmos dereitos que noutros centros educativos”.
Manu Lourenzo adiantou que nos vindeiros días o BNG presentará unha iniciativa no Parlamento de Galiza esixindo do Goberno de Feijóo explicacións pola supresión de unha aula e a súa reposición.