A Xunta elimina os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Moraña e A Lama e tramita a devolución dos camións autobomba entregados

Luís Bará
Luís Bará
A Xunta elimina os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Moraña e A Lama e tramita a devolución dos camións autobomba entregados

Pontevedra, 19 de maio de 2025. O BNG vén de recibir unha resposta parlamentar na que a Xunta informa que os GES de Moraña e A Lama nunca foron creados, e que no convenio de 2024 non se inclúen os concellos de Moraña e A Lama como posíbeis sedes GES. Por este motivo, a Xunta sinala que “lles foi requirida a devolución dos vehículos autobomba e iniciouse a devolución dos mesmos á comunidade”.

Cabe lembrar que a creación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal de Moraña e A Lama foi acordada no ano 2020 mais nunca chegaron a crearse. A pesar disto, a Xunta fíxolle entrega ao concello da Lama en 2021 dun vehículo autobomba para extinción de incendios valorado en 200.000, nun acto no que participou o daquela vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda. No ano 2022, o concelleiro da Presidencia, Diego Calvo, tamén fixo entrega dun camión autobomba ao concello de Moraña, sen que chegase a constituirse o GES. Segundo a información feita pública daquela pola Xunta os camións teñen capacidade para tres persoas e fan posible o transporte de auga para a extinción de pequenos incendios, ao contar cunha cisterna con capacidade para 1.260 litros.

O BNG considera un dispendio e unha irresponsabilidade a entrega dos camións en 2021 (A Lama) e 2022 (Moraña) a uns GES inexistentes

O investimento total suma 350.000 euros, financiados con fondos europeos, para dous vehículos que levan 4 anos no primeiro caso (A Lama) e 3 anos no segundo (Moraña) sen participar en operacións de extinción de incendios, no que constitúe un exemplo de dispendio e malgasto dos recursos públicos.

O BNG pide responsabilidades polo malgasto e pola desprotección das zonas que non teñen cobertura de emerxencias

Logo de recibir a resposta parlamentar, o deputado do BNG Luís Bará cualificou os feitos como moi graves e esixiu responsabilidades aos responsabeis de emerxencias da Xunta polo malgasto, a mala xestión e a desprotección dos concellos do interior da provincia de Pontevedra que teñen unha moi deficiente cobertura das emerxencias.

O deputado nacionalista sinalou que “o máis alarmante e preocupante é a situación de desprotección na que están os concellos do interior da provincia como Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade ou A Lama, que non teñen cobertura de GES e son atendidos desde bases de bombeiros comarcais que tardan até unha hora en chegar en caso de emerxencias, xa que están ubicadas a moita distancia (En Ribadumia e en Bueu).

 

A Xunta elimina os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Moraña e A Lama e tramita a devolución dos camións autobomba entregados