A XLVI Festa do Viño de Barro reafírmase como escaparate do talento e do dinamismo local
Barro, 6 de xuño de 2025. O Concello de Barro presenta a programación da XLVI Festa do Viño, que se celebrará entre o 12 e o 15 de xuño, cun claro obxectivo: consolidar este evento como unha cita de referencia que poña en valor o viño, a cultura e, sobre todo, ás persoas e entidades locais.
“O protagonismo da Festa do Viño é, máis que nunca, da xente de Barro”, sinala o alcalde, que destaca que “o obxectivo do Concello é facer unha festa que sexa reflexo do noso tecido social, cultural e asociativo. Queremos que a veciñanza se recoñeza na programación, que participe e que sexa parte fundamental da celebración”.
A programación arrinca o mércores 12 co Xoves do Viño, cunha festa infantil con inchables e a actuación do grupo Os Bolechas, seguida do concerto de Jorge Menéndez no Pazo da Crega. A partir do venres, a actividade multiplícase con música, cultura, deporte e viño como eixos principais.
O venres 13 destaca a actuación do Grupo de Danzas Amor Ruibal de Barro, a inauguración do XVIII Certame de Viños D.O. Rías Baixas co pregón de Salomé Cancela e o concerto do grupo local Son das Tabernas, antes da gran verbena coas orquestras Capitol e New York.
O sábado 14 continúa a aposta polas entidades locais coa actuación da Coral Polifónica de Barro, do Grupo de Pandereteiras Peñaflor e do Coro da Portela, ademais dun novo espazo para a mocidade co DJ Moe da Duendeneta. Pecha a xornada a verbena con Kubo e Miramar.
O domingo 15 será día grande da festa, coas cata finais dos viños do Certame Rías Baixas e dos viños de colleiteiro; a sardiñada popular e o xantar tradicional. O ramo á Festa porallo o domingo pola tarde a Banda de Música Xuvenil de Barro, acompañando ao cantante Antonio Barros e presentado por Xurxo Souto.
O Concello quere poñer en valor o papel da Banda como símbolo de identidade e orgullo colectivo, polo seu labor formativo, cultural e pola súa implicación constante na vida do municipio. “Non se pode entender a vida cultural nin a Festa do Viño de Barro sen a nosa banda. É un luxo pechar a Festa do Viño cun concerto que representa tan ben o que somos”, sinalou o alcalde.
A Festa do Viño de Barro continúa a consolidarse como un evento singular no calendario festivo da provincia, cunha aposta clara pola autenticidade, o produto local e a implicación directa da veciñanza.
Desde o Concello destacan o esforzo por combinar tradición e modernidade, mantendo unha programación diversa e enfocada a todos os públicos.