O Concello de Caldas recibe dúas ofertas de locais para instalar de maneira estable a oficina de turismo na Rúa Real
Caldas, 6 de xuño de 2025. O Concello de Caldas de Reis vén de recibir dúas ofertas de locais para instalar de maneira estable a nova oficina de turismo na Rúa Real. O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que o persoal técnico municipal está analizando agora a documentación presentada e comprobando ‘in situ’ que os locais ofertados cumpran coas características que se pedían nos pregos. Unha vez finalice a revisión seleccionarase a mellor oferta co fin de que a nova oficina estea aberta ao público no mes de xullo.
O responsable de Turismo explica que o Concello, con esta iniciativa de localizar de maneira definitiva a oficina na Rúa Real, pretende chegar ao maior número de persoas peregrinas que entran por esa rúa na vila todos os días. Lembra o nacionalista que os datos de consultas na caseta provisional nesa ubicación o ano pasado demostraron que foi un acerto total trasladar a oficina dende A Tafona, xa que se bateu a cifra récord de 10.000 visitas na tempada activa entre os meses de agosto e novembro.
O obxectivo do Concello, subliña Fariña, é habilitar unhas dependencias axeitadas e definitivas que permitirán que as persoas visitantes teñan máis e mellor información en pleno casco histórico da vila e ao pé do Camiño Portugués.
Nos pregos do concurso para alugar un local o goberno local amosaba a súa intención de atopar unhas oficinas diáfanas de polo menos 50 metros cadrados, coa posibilidade de dispoñer de espazo extra para abrir unha sala de exposicións, e unha fachada ampla, primando a localización nunha esquina para conseguir maior visibilidade. As instalacións, requiríase nas bases, deberán estar acondicionadas para unha axeitada funcionalidade só con retoques mínimos.
O contrato de alugueiro para a oficina terá unha duración mínima de dous anos prorrogables e un prezo máximo mensual de 861 euros máis IVE, o que supón un total de 1.042 euros. Os criterios de adxudicación serán a rebaixa no custo de arrendamento (50 puntos), a relación de metros de fachada (25 puntos), a superficie do local (15 puntos) e situación en esquina (10 puntos).
Unha vez se formalice o contrato de aluguer o Concello comezará a instalar o mobiliario, realizar as rotulacións e instalar os vinilos do departamento de Turismo do Concello e poñer a andar os servizos de telefonía, internet, auga e outros.