VENRES 24, 20.30 H. CRUCE DE PIERRES
Soutomaior volve sair á rúa para pedir a fin dos recortes do PP no centro de saúde de Arcade
Pontevedra, 23 de maio de 2024. A veciñanza de Soutomaior manifestarase nas rúas de Arcade este venres, 24 de maio, ás 20:30 horas, contra a fin dos recortes do PP e para esixir á Xunta que dote de máis persoal sanitario o centro de saúde de Arcade, con especial énfase no servizo de Pediatría. A manifestación, convocada polo BNG de Soutomaior, comezará no cruce de Pierres, na Avenida Xosé Solla, e decorrerá ata o centro de saúde de Arcade. A veciñanza leva anos a denunciar a falta de persoal e recursos no centro de saúde de Arcade. Ante estas denuncias, a Xunta decidiu non buscar ningunha solución definitiva, tal e como requirían a veciñanza e o BNG de Soutomaior, e optou por parches que en absoluto responden á situación que vive o noso concello.
Especialmente dramática é a situación no servizo de Pediatría. Soutomaior leva sen contar cun ou cunha pediatra máis de ano e medio, despois de que a Xunta decidise non cubrir a baixa de longa duración da anterior facultativa. Isto obriga aos pais e nais a levar aos seus pequenos enfermos a Pontevedra para ser atendidos ou a contratar seguros privados, xerando un evidente sesgo con quen non ten os recursos económicos para acceder a estas alternativas. Ademais, o escaso número de médicos de medicina de familia (neste momento 3) e as previsións de que no verán o centro de saúde quede con un ou ningún médico, obrigan á veciñanza á saír a rúa a defender os seus dereitos ante os recortes do PP.
O BNG leva meses a promover unha campaña para esixir á Xunta que dote de máis recursos e persoal as áreas de Pediatría e Medicina de Familia en Soutomaior
O responsable local do BNG, José Costas, sinalou que o BNG leva meses a desenvolver unha campaña para esixir á Xunta que dote de máis recursos e persoal as áreas de Pediatría e Medicina de Familia en Soutomaior. A campaña, que comezou o pasado mes de decembro cunha concentración fronte ao centro de saúde, proseguiu con actos informativos e cunha recollida de sinaturas á que xa se sumaron centos de veciños. “A veciñanza de Soutomaior vai saír á rúa para esixir que se respecten os seus dereitos sanitarios. Necesitamos solucións xa, tanto para a Atención Primaria como para o Servizo de Pediatría”.