Soutomaior presenta o Espazo Concilia para esta Semana Santa

Soutomaior, 20 de marzo de 2025. A concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, a directora-psicóloga do CIM, Cristina García e a avogada do CIM, Clara Rodríguez, presentaron o espazo concilia para esta Semana Santa que lanza o CIM a través Concello de Soutomaior para facilitar a conciliación.
Trátase dun espazo dirixido a crianzas de entre 3 a 16 anos. O horario deste servizo será dende ás 9:00 ata ás 14:00 h. coa posibilidade da aula matinal de 8:00 a 9:00 h., para aquelas persoas que así o soliciten, e aula de mediodía con amplitude de horario ata ás 15:00 h. O que significa que este espazo contará con 4 horarios diferentes para que as familias podan optar ao que máis facilidades lles dea neste tempo de descanso das crianzas. Tería o horario de 8:00 a 14:00h, de 9:00 a 14:00h., de 8:00 a 15:00h. ou de 9:00 a 15:00h.

O campamento é de balde para todas as familias, trátase dunha medida do concello de Soutomaior ao abeiro do Plan Corresponsables. As prazas serán por orde de inscrición atendendo á prioridade de persoas con criterios de vulnerabilidade.
O concello de Soutomaior abrirá as inscricións para este Espazo este venres 21 de marzo, inscricións que estarán abertas ata o vindeiro 31 deste mes. As e os interesados deberán inscribirse en liña a través da web do concello www.soutomaior.gal
Dentro do horario do programa intercalaranse actividades lúdicas, educativas, deportivas, xogos e obradoiros, actividades ao aire libre sempre que o tempo o permita e sempre traballando baixo a perspectiva de xénero dunha maneira dinámica e participativa.
Un Espazo Concilia que se levará a cabo no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) e que contará con 50 prazas para as crianzas do concello.