Soutomaior non poderá utilizar o remanente ante a crise do Covid
Soutomaior, 29 de maio de 2020. O concello de Soutomaior non poderá empregar o remanente de Tesourería perante a crise económica e sanitaria motivada polo coronavirus. O pleno municipal aprobou un Plan económico e financieiro que impide ao goberno local empregar o remanente de tesourería para axudar a veciñanza de Soutomaior no momento que máis o precisa.
Esta situación prodúcese porque o goberno local do PP incumpriu no pasado ano 2019, ano no que tiveron lugar as eleccións municipais, tanto a regra de gasto como a regra de estabilidade orzamentaria. O incumprimento da lei por parte do goberno local por ser ano electoral, obriga ao Concello a elaborar un plan económico financieiro novo, que terá como principal consecuencia a prohibición de que o goberno local poida empregar o aforro dos veciños para afrontar a crise económica e sanitaria derivada do COVID.
O goberno do PP empregou o diñeiro dos veciños para facer a campaña electoral, e resulta que agora que os veciños o precisan máis ca nunca, non podemos botar man del porque o goberno do PP incumpriu a lei e antepuxo os seus intereses electorais á necesidades dos veciños
Ante esta situación,o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo destacou que “Se alguén pensou que a irresponsabilidade do PP á hora de gastar os diñeiro dos veciños para facer a súa campaña electoral non ía ter consecuencias aquí ten a resposta. A irresponsabilidade do goberno local fai que nesta situación crítica non poidamos botar man dun remantente, que se ben mingua ano tras ano, nesta situación sería máis necesario ca nunca”.