DOMINGO 21. 19.30 H. CONTORNO DO CAMPO DE PETANCA DE ARCADE

Soutomaior homenaxea ao seu veciño e escultor Bernardo Seoane

Bernardo Seoane
Bernardo Seoane
Soutomaior homenaxea ao seu veciño e escultor Bernardo Seoane

17 de abril de 2024. Soutomaior homenaxeará este domingo, 21 de abril, ao escultor e artista local Bernardo Seoane. No acto conmemorativo que terá lugar ás 19:30 horas na contorna do campo de petanca de Arcade, proxectarase un documental sobre a obra e figura de Bernardo, realizado polo documentalista ‘Breikus’. Tras a proxección terá lugar a presentación da escultura ‘O camiño das estrelas’, unha obra realizada polo propio homenaxeado e doada ao Concello de Soutomaior. Seguirá unha pequena intervención do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e unha actuación musical a cargo do Balbuena&Seoane.

O alcalde Manu Lourenzo, sinalou “a fonda gratitude de toda a veciñanza de Soutomaior con Bernardo pola doazón desta escultura, para que todas e todos poidamos desfrutar da súa obra, sempre ligada á vangarda, a natureza, a estética industrial e a tradición”. O alcalde tamén destacou que a escultura ‘O camiño das estrelas’ estará acompañada dunha placa coas seguintes verbas do poeta e veciño de Soutomaior Iago Treus: “Forxador de soños, retais de eternidade nas aristas espidas na mente dun xenio”.

Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou “a traxectoria de Bernardo Seoane, vencellada ao servizo da arte e a cultura de Soutomaior a través das súas esculturas”. “Bernardo non é só un grandísimo artista. É un veciño do noso concello que coa súa obra leva décadas a deixar unha fonda pegada no imaxinario de toda a veciñanza de Soutomaior”. “Non se pode entender o noso concello hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular. Milleiros de veciños e veciñas de Soutomaior e de Ponte Sampaio temos desfrutado coas súas esculturas ao paso pola ponte medieval, e agora grazas a súa doazón, seguiremos desfrutando de ‘O camiño das estrelas’”, concluíu Manu Lourenzo.

Soutomaior homenaxea ao seu veciño e escultor Bernardo Seoane