Soutomaior aforra custos de cartelería en papel e reduce o seu impacto ambiental cuns novos totems informativos
Soutomaior, 4 de outubro de 2024. Hoxe Soutomaior estreou catro totems informativos cos que o Goberno local aforra os custos de impresión de cartelería en papel e reduce notoriamente o impacto ambiental que toda esta cartelería produce no concello a medio e longo prazo. Trátase de catro paneis instalados na rúa do Rial, no Pavillón da Montesiña, na Alameda de Talo Río e no Peirao de Arcade nos que o Goberno de Soutomaior anunciará toda a súa programación de actividades, así como promocionará os atractivos turísticos do concello.
A instalación dos totems levouse a cabo grazas a que o Goberno de Soutomaior conseguiu unha subvención para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea ‘Next Generation EU’.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, que se achegou esta mañá á rúa do Rial e ao Pavillón da Montesiña, acompañado dos concelleiros Diego Moreira e Charo Bouzón, para comprobar o funcionamento dos paneis, sinalou que “o obxectivo do Goberno de Soutomaior é, pouco a pouco, instalar máis totems informativos noutros puntos do concello para reducir aínda máis o uso de cartelería en papel para a promoción da axenda municipal de actividades”.
O alcalde subliñou que “somos un concello cunha axenda municipal que é referencia na comarca e que atrae a persoas de moitos concellos veciños. Con esta iniciativa modernizamos a maneira de dar difusión a estas actividades, chegando a moitístima máis xente ao tempo que reducimos de maneira notoria o gasto en papelería que se viña facendo desde hai anos. Todos eses recursos que non teremos que destinar a papelería poderemos empregalos para mellorar aínda máis a axenda de actividades”.
Ademais, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “tamén reducimos o impacto ambiental que a cartelería en papel produce, xa que moitas veces a chuvia e o vento converten en residuos toda esta papelería antes de que poidamos retirala e acaba ensuciando o noso medio natural”. Neste sentido, o alcalde reiterou o compromiso do Goberno de Soutomaior, con iniciativas notables como o Plan Ría Viva para poñer fin ás verteduras de augas residuais á Ría de Vigo.