O Coche de Punto xa une as parroquias do rural co centro da cidade a través dun servizo pioneiro no país
Pontevedra, 7 de outubro de 2024. O Coche de Punto entrou oficialmente en funcionamento. Desde este luns, 7 de outubro, os seus usuarios e usuarias poderán facer uso diario do mesmo seguindo as instrucións e normas aos que está suxeito este tipo de transporte a demanda, pioneiro dentro das cidades galegas.
O edil de Mobilidade, César Mosquera, deu conta nesta primeira xornada da posta en marcha do novo servizo, sinalando que só o seu comezo é xa un éxito e un motivo de celebración para o Concello de Pontevedra e a súa veciñanza. “Botou a andar. Houbo un total de 14 solicitudes e foron atendidas para que hoxe fosen unha realidade”, explicou. “Cumprimos co noso compromiso de iniciar este servizo e de ofrecer un novo tipo de transporte no concello”.
Así, as primeiras viaxes do Coche do Punto foron programadas para as 08.00h deste luns, partindo da avenida Médico Ballina cara o edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal; e de Verducido ao Hospital Montecelo.
Unha vez posto en funcionamento, Mosquera agarda poder ofrecer algún dato máis ao longo dos vindeiros días sobre o número de usuarios que requiren este transporte así como o comportamento dos seus usuarios (no referido aos trazados realizados). “Hai que ir vendo como asenta e como medra”, sinalou. “Baixo ningún concepto poderá nin deberá competir co transporte colectivo, nin tampouco busca desmantelar a rede de cobertura social que hai entre familiares ou veciños. O Coche de Punto é un transporte para casos que non teñen outro xeito de desprazarse até os puntos marcados. Existe esa demanda? Semella que si, xa está funcionando”.
Cómpre lembrar que tanto para darse de alta como para logo solicitar o servizo existen tres vías distintas: a web www.cochedepunto.gal; o teléfono 986070066 e a aplicación móbil oficial do servizo (se ben está a experimentar problemas de actualización en Android).