Soutomaior adxudica á empresa Ótima o proxecto do Ecoparque empresarial da Montesiña
Soutomaior, 9 de outubro de 2025.O concello de Soutomaior vén de adxudicar o proxecto de redacción do ecoparque empresarial da Montesiña,un dos proxectos máis ambiciosos que vai a transformar a economía do concello, dándolle soporte as empresas e cubrindo unha alta demanda empresarial.
A Montesiña, área de transición entre Arcade e Soutomaior, con este proxecto converterase nunha zona urbanizada. Dende o Goberno Local lembraron nesta xornada que o ecoparque empresarial vai a poder asumir a máis de 50 empresas. O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou hoxe a alta demanda, que dende o momento que se anunciou este polígono, o Goberno de Soutomaior está recibindo ofertas de moitas empresas interesadas en querer ubicarse en Soutomaior.
O proxecto conta xa coa autorización ambiental da Xunta de Galiza e o concello aprobou no último pleno unha batería de beneficios fiscais para todas aquelas empresas que se asenten no concello con bonificacións no IBI, IAE e ICIO.
Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “con esta adxudicación Soutomaior dá un paso de xigante no proxecto do ecoparque empresarial, esta adxudicación significa que non hai volta atrás e que este ecoparque será unha realidade antes que despois. Estamos a falar dun dos proxectos máis importantes para o concello de Soutomaior das últimas décadas, un proxecto que contará cunha infraestrutura moderna e ecolóxica”.
Trátase, este ecoparque empresarial, dun proxecto que se vai a desenvolver por cooperación e que axudará a vertebrar as dúas parroquias de Soutomaior, servindo de ponte entre elas e revalorizará o concello de Soutomaior.