SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 2.320.000 EUROS
O Concello de Pontevedra da luz verde á sinatura do convenio que achegará a renovación integral da iluminación na zona nordeste da cidade
Pontevedra, 9 de outubro de 2025. O concello de Pontevedra deu luz verde á sinatura do convenio que achegará a renovación integral da iluminación na zona dordeste da cidade, o proxecto máis importante contratado para mudar a iluminación de Pontevedra, e que ten como obxectivo completar a renovación de todas as rúas da área nordeste do centro urbano. O valor total deste proxecto ascende até os 2.320.991 euros, dos cales 1.601.948 euros serán aportados pola Deputación a través do convenio anual que manterá co Concello. O proxecto sairá a licitación nos vindeiros días.
A renovación abranguerá todas as luminarias do nordeste da cidade, incluíndo o cambio de 39 cadros de luz. A actuación está deseñada baixo as máis estritas condicións técnicas en materia de eficiencia enerxética, empregando tecnoloxía LED, e suporá un antes e un despois se falamos de aforro enerxético e loita contra o cambio climático neste aspecto.
Ademais, o proxecto prevé un reforzo específico da iluminación en pasos de peóns e nos espazos e vías peonís. Así, procurarase mellorar a seguridade peonil, creando un espazo público máis seguro e unha mobilidade máis amable para todos e todas.
Unha vez finalizada esta intervención, quedará practicamente completado o cambio de iluminación en todo o municipio, agás partes do centro histórico e algunhas parroquias (como Tomeza e Salcedo), cuxa renovación se prevé para os próximos anos.