Soutomaior acumula un novo retraso no orzamento de 2018
Os retrasos na aprobación dos orzamentos están a lastrar obras necesarias en Soutomaior
O orzamento municipal é probablemente o documento máis importante que debe aprobar un goberno. Neste documento contémplanse os gastos, os investimentos e os ingresos para cada ano. Pero en Soutomaior, a pesar de que o PP goberna con maioría absoluta, non conseguiu aprobar os orzamentos nos prazos establecidos pola lei. Con este novo retraso, Soutomaior acumula por segundo ano consecutivo unha demora de varios meses na aprobación do orzamento.
Estas demoras provocan que as obras de moitos dos principais investimentos prometidas polo goberno local no ano pasado, como as beirarrúas de Arcade de Arriba ou a ampliación das beirarrúas do Peirao, nin sequera se empezaran en marzo de 2018.
Repítese o retraso despois de que orzamento de 2017 se aprobase con 5 meses de retraso o que provocou que obras previstas para ese ano nin sequera estean empezadas
A este respecto, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “estamos ante un novo exemplo do esgotamento dun PP que é incapaz de cumprir coas súas obrigas. Isto provoca que os veciños teñan que estar sen servizos que deberían estar acabados hai tempo. É máis do mesmo, un PP que non é capaz de executar nin os seus propios orzamentos e que unha vez máis, pensan que poden deixar aos veciños abandonados ata as vésperas das eleccións” indicou
Así mesmo, o portavoz do BNG sinalou que “se no goberno local non son capaces de facer os deberes, prestámonos a axudar. Ofrecémonos a aportar os nosos proxectos e o noso traballo, colaborando co goberno con seriedade polo ben de Soutomaior. Cremos que o benestar da veciñanza debe estar por riba de todo, e por iso propoñemos ao goberno local que nos xuntemos para traballar nos orzamentos, resolver estes problemas e aportar rigor e novas ideas tan necesarias para a veciñanza de Soutomaior”
A pesar de que a lexislación indica que os orzamentos deben estar listos a final de cada ano en Soutomaior no ano pasado non se aprobaron ata o mes de maio do ano 2017 e os deste ano, en pleno mes de marzo de 2018 aínda non están aprobados. A estas alturas Soutomaior está funcionando cunha prórroga dos orzamentos do ano pasado, cos problemas que iso trae na execución de investimentos.