Solidariedade cos sindicalistas da CIG en folga de Fame
Desde o venres 23 de novembro, e en turno rotatorio de 48 horas, diversos dirixentes sindicais están a levar a cabo unha folga de fame rotatoria de 48 horas para denunciar a condea a tres anos de prisión a tres sindicalistas, Marcos Cadórniga e Carlos Alján da CIG e Carlos Búa de CCOO, pola súa participación nun piquete informativo na folga do comercio de alimentación de 2009.
Desde o primeiro momento, os compañeiros da CIG en folga de fame recibiron a visita e a solidariedade de numerosas persoas. O sábado, visitounos o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que, acompañado polo responsábel local, Raimundo González, e a responsábel comarcal, Anxos Riveiro, lles comunicou o total apoio do BNG á loita que están a levar, ao tempo que cualificou de desproporcionada e motivada por cuestións políticas a condea aos tres sindicalistas, cuxo único delito é defender os dereitos dos traballadores e traballadoras.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, estivo este luns na caravana da CIG, e amosouse farto dunha situación na que os traballadores e traballadoras van ao cárcere, mentres os responsábeis da desfeita que vivimos, banqueiros entre eles, sigan sen que o poder xudicial lles toque un pelo.
O portavoz nacional, que estivo acompañado na súa visita pola secretaria de organización e portavoz de emprego no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e pola responsábel comarcal do BNG, Anxos Riveiro, afirmou que a reivindicación dos afiliados e afiliadas da CIG tamén é unha defensa da democracia, o trato igual, xustiza igual para todos e todas.
O líder nacionalista afirmou que a democracia demóstrase con feitos e isto para min non é democracia práctica, polo menos non a democracia pola que eu loitei e na que aspiro vivir. Non pode ser é que os que desfalcan miles de millóns de euros que temos que pagar entre todos e todas non se lles toque un pelo mentres se condena unha e outra vez a traballadores e traballadoras.
Recollida de sinaturas para demandar a absolución dos sindicalistas
Na carpa instalada en fronte da audiencia provincial recóllense sinaturas para demandar a absolución dos tres sindicalistas condeados. Para o BNG defender a estes sindicalistas non só un acto de xustiza, é defender a liberdade. Porque se o Estado recurre cada vez máis ao seu aparello represivo para tentar amordazar a quen defende os dereitos sociais e laborais conquistados despois de moitos anos de loita, é a nosa obriga loitar para que eses dereitos non se perdan.
Desde o BNG convidamos a todos e todas a achegarse á carpa e amosar a solidariedade coa loita que están a levar contra a represión sindical e en defensa da liberdade.