A senda que unirá a Xunqueira da Gándara e o parque forestal da Tomba entra en fase de licitación

A senda que unirá a Xunqueira da Gándara e o parque forestal da Tomba entra en fase de licitación

Pontevedra, 28 de novembro de 2025. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías, informou do inicio do proceso de contratación da senda que unirá a Xunqueira da Gándara co Parque Forestal da Tomba, unha das actuacións de obra civil máis salientables dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). A concelleira definiu o proxecto como un "corredor ecolóxico recreativo para poder chegar a pé ou en bicicleta ao parque forestal da Tomba a través dun percorrido seguro e accesible". 

O obxectivo é que "poidamos incrementar eses paseos que facemos as pontevedresas e os pontevedreses e tamén os turistas", en palabras da concelleira. 

O proxecto conta cun orzamento de licitación de 178.500 euros e un prazo de execución de 3 meses. O ámbito de actuación é de 1,8 km. O proxecto está estruturado en catro partes con tratamentos diferenciados: 

  • Tramo 1: Arranca na Xunqueira, á altura do miradoiro de aves, cunha pasarela de madeira. Esta pasarela irá pilotada sobre pilotes chantados no terreo, cun ancho de 3 metros, e transcorrerá "por dentro da marisma". Utilizarase madeira de piñeiro tratado. 
  • Tramo 2: Continúa coa compactación de pistas existentes empregando terrizo compactado con xabre e un pavimento terrizo estabilizado con lámina xeotéxtil. Este tramo corre paralelo á AP-9 ata o paso soterrado inferior. 
  • Tramo 3: Aproveita os camiños existentes polo lugar do Ribeiro (parroquia de Campañó), incluíndo actuacións de sinalización e plantación de especies arbóreas para crear sombra. Remata no cruzamento de estradas (PO-310 e EP-0017). Para mellorar a seguridade nese punto, "o que vamos facer é pintar un paso de peóns", explicou a concelleira. 
  • Tramo 4: Comeza despois de cruzar a EP-0017 e acondicionar a entrada no Parque Forestal da Tomba. O proxecto inclúe "iluminación puntual ou de reforzo nalgunha zona necesaria". 

A concelleira Gulías recoñeceu a complexidade administrativa, explicando que a ruta seleccionada foi unha alternativa a un proxecto orixinario na parroquia de Cerponzóns que se descartou por pasar por fincas de propiedade privada. 

A principal dificultade estivo na "cantidade de permisos sectoriais" que tivo que solicitar o Concello xa que a senda atravesa infraestruturas de diferentes administracións. 

Outros proxectos PSTD en curso 

Anabel Gulías aproveitou a rolda de prensa para repasar o estado doutros proxectos clave do PSTD: 

  • Iluminación da Xunqueira da Gándara e da Illa do Covo: o proxecto está "case executado", restando unicamente rematar de colocar as luminarias na Xunqueira da Gándara. 
  • Eficiencia enerxética do Mercado de Abastos: O proxecto de execución de mellora da eficiencia enerxética do Mercado, que substitúe ao proxecto da vía verde inicial, está a piques de adxudicarse.
  • Observatorio Turístico: o Concello vén de aprobar a contratación deste proxecto por 72.975 euros. A principal achega é a "creación dun soporte web" que permitirá ter información estatística en tempo real. Gulías subliñou que van poñer estes datos de visitantes de turismo "a disposición do público". 
  • Formación Gastro: Tamén están activos os cursos de formación (máis de 80.000 €) especializados para o sector da restauración e o turismo. 
A senda que unirá a Xunqueira da Gándara e o parque forestal da Tomba entra en fase de licitación