O Concello de Pontevedra presenta ‘Resonancias’, un ciclo que reúne a música e a saúde mental nun mesmo espazo de encontro
Pontevedra, 28 de novembro de 2025. O Concello de Pontevedra e a produtora Borneo presentan “Resonancias”, un novo ciclo cultural que tende pontes entre a música e a saúde mental mediante unha fórmula innovadora: concertos mensuais acompañados dun coloquio no que artistas e especialistas comparten experiencias arredor das emocións, da vulnerabilidade e do benestar persoal.
A iniciativa nace como extensión do documental H.E.I. actualmente en produción, que explora o poder terapéutico da música nun contexto no que a ansiedade e a depresión forman parte da vida cotiá de moitas persoas. “Resonancias” propón un espazo seguro, próximo e sensible para reflexionar sobre estas cuestións desde unha perspectiva culturalaccesible a todos os públicos.
Cada sesión estará dirixida pola psicóloga Rosana Corbacho, especialista en saúde mental na industria musical e colaboradora en programas de divulgación cultural. Xunto a ela participarán dous artistas convidados que combinarán unha actuación musical e unha conversa íntima arredor da creación, das emocións e das súas experiencias ligada á música. O formato procura derrubar tabús e fomentar unha expresión emocional auténtica e compartida.
O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20.00 no Liceo Casino de Pontevedra, coa participación de Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas será ás 19.30. Os concertos permitirán escoitar dúas propostas musicais complementarias: a mirada introspectiva e emocional de Eladio, e a frescura dunha nova xeración representada por Merino, que aborda no seu traballo temas como o crecemento persoal e o tránsito emocional.
Con “Resonancias”, Pontevedra sitúase como un referente en materia de innovación cultural con compromiso social compaxinando arte, mocidade e saúde mental nun proxecto que aposta pola música como ferramenta de benestar e acompañamento emocional. O ciclo terá continuidade ao longo do 2026 con novas sesións mensuais en diferentes espazos da Boa Vila, ampliando deste xeito o diálogo entre cultura e saúde mental e consolidando unha proposta que nace coa vocación de ficar.